Operarios municipais acometen a poda das árbores centenarias dos xardíns da Casa das Palmeiras en Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda levou a cabo esta mañá traballos de poda nas diferentes especies arbóreas emprazadas nos xardíns da Casa das Palmeiras. Especies na súa maioría centenarias e que definen un espazo singular e emblemático no centro urbano da real vila. As tarefas foron executadas pola empresa de mantenemento de xardíns a petición da Administración local debido ao avanzado estado de deterioro das dúas palmeiras situadas no entorno, que sufriron con forza os efectos dos temporais deste inverno. De feito, estábase a converter nun perigo polo risco de caída das follas secas.

Para realizar os traballos foi preciso recurrir a un camión grúa que alcanza os 20 metros de altura, polo que se aproveitou a súa presenza para podar tamén a araucaria centenaria e os tres magnolios que integran os xardíns. Deste xeito, a poda executada esta mañá permitirá non só rexenerar a arboleda senón tamén gañar luz na Casa das Palmeiras e o seu entorno, un dos epicentros culturais da real vila.

Por último, dende o Concello sinálase que as tarefas de poda continuarán esta tarde coas árbores dos xardíns do Coto.

4 de marzo de 2014 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.