Ofértanse 3.000 prazas para as actividades da campaña de verán na provincia da Coruña
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, ofertará este verán na provincia da Coruña 3.005 prazas para actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos entre os meses de xuño e setembro.
O Goberno galego destinará máis de 2,3 millóns de euros na posta en marcha deste programa para toda Galicia, que suporá a contratación dunhas 900 persoas para os postos de monitores e directores de tempo libre. Neste senso, a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, salientou a aposta do departamento autonómico para manter unha oferta de primeiro nivel neste tipo de actividades.
Na programación prevista inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e outras comunidades autónomas, o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo en España e no estranxeiro e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é darlle alternativas á mocidade para o emprego do seu tempo libre, á vez que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Haberá distintas quendas, de entre oito e doce días, durante os meses de xullo e agosto e poderán participar rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos. Neste momento, mantense aberta a convocatoria para solicitar praza nalgunha destas actividades.
Este verán haberá case 1.900 prazas na Coruña repartidas en cinco emprazamentos: nos albergues xuvenís da Marina Española (Sada) e Gandarío (Bergondo), e nos campamentos xuvenís de Furelos (Melide), Virxe de Loreto (Porto do Son) e Espiñeira (Boiro). “A través desta programación, os mozos e mozas teñen a posibilidade de empregar o seu tempo libre durante as súas vacacións participando en actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo”, indicou a delegada.
A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material e atención sanitaria. A maiores, os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas: País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades poderán vir a Galicia.
Como todos os anos, reservaranse tamén unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Tamén se colaborará de novo coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de emigrantes galegos.
Oferta concertada
Do mesmo xeito, a campaña de verán de Xuventude inclúe unha oferta de prazas concertadas que suma este ano na Coruña un total de 890 prazas distribuídas en catro emprazamentos da rede de instalacións públicas da consellería.
En concreto, ofrécese o uso dos albergues xuvenís ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, ao Consello da Xuventude de Galicia e aos consellos locais e municipais de xuventude, así como ás corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade. Tamén poderán formar parte desta oferta concertada os grupos de mozos e mozas non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro. O período para poder usar estas instalacións repartirase en diferentes quendas que van desde o 17 de xullo ao 31 de agosto.
Maiores de 18 anos
Por outra banda, para os maiores de 18 anos e menores de 30, este ano organízase unha serie de actividades que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e do tempo libre.
Gandarío será unha das localizacións nas que se desenvolverá a actividade “O mar de Galicia”, dentro do programa Conecta con Galicia para dar a coñecer o medio mariño a través de actividades relacionadas co mar. Ademais organizarase a Travesía Náutica Xacobea, que rememora a peregrinación de San Francisco de Asís e a Traslatio do apóstolo a Santiago de Compostela por mar e por terra. Sairá do porto de Ribadeo e pasará por Ortigueira, Ares, Camariñas, Portosín e Cabo de Cruz, para rematar nas Rías Baixas.
Campos de traballo
Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, con quendas de entre 12 e 15 días. Previsiblemente a convocatoria para poder solicitar unha praza nestas actividades publicarase a mediados do mes de abril.
O seu obxectivo é fomentar a convivencia a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países. A cambio do seu labor, os mozos reciben unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, da práctica de deportes e da visita a lugares de interese, tanto turísticos como históricos.
Na provincia da Coruña as prazas estarán repartidas en campos de traballo de carácter medioambiental, poñendo en valor os muíños de Conca de Acheiro e Conca do Bradoso, no concello da Laracha; e de carácter arqueolóxico, para traballar na recuperación do castro de Socastro, en Rois. Completarán a ofertas os campos de carácter cultural, etnográfico e patrimonial repartidos en Boqueixón, Melide e Ponteceso.
Toda esta oferta estará a disposición da mocidade galega e tamén do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón ou de voluntarios e voluntarias procedentes da Galicia exterior. Ademais, os mozos e mozas galegos poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Finlandia, República Checa, México ou Taiwán.











