O xerente de Igape presenta en Cangas as axudas destinadas aos emprendedores
O xerente de IGAPE Guillermo Viña visitou onte a casa de oficions Lorenzo Corbacho onde explicou a unha trintena de emprendedores/as e empresarios/as de recente creación de Cangas, as axudas e recursos do IGAPE destinados á promoción da creación de empresas.
Nas dúas horas que durou o evento, Viña desgranou as liñas e apoios do Instituto Galego de Promoción Económica ó fomento do emprendemento e da competitividade, baseándose nos en varios apartados coma os programas e apoios do IGAPE, os servizos para emprendedores/as, servizos Re-Acciona, a rede Mentoring e a lei de Emprendemento e Competitividade Económica de Galicia.
Un dos aspectos que causou máis interese entre os/as asistentes foi a explicación das liñas de axuda do programa “Galicia Emprende” que nestes intres e ata o 30 de abril de 2014 teñen aberto o prazo de presentación de solicitude de subvencións, e facilitando subsidios a fondo perdido de entre o 15 e o 50% do investimento ou gasto.
Están dirixidas a novas empresas, Pemes, que exerzan a súa actividade económica en Galicia cunha antigüidade inferior a 3 anos e medio, cun investimento subvencionable de entre 35.000 e 500.000 €, e son compatibles coas axudas da Consellería de Traballo para a creación de emprego, e con axudas de tipo financeiro para a subsidiación de préstamos.
Os gastos elixibles son moi variados, e van dende a obra civil, aprovisionamentos, alugueiros a bens de equipo, e se tramitan en réxime de concorrencia non competitiva. A consignación orzamentaria desta liña ascende a 3 millóns de Euros.
O programa Re-Acciona, de apoio á competitividade de empresas, tamén foi obxecto de consultas e comentarios entre os/as empresarios/as asistentes, con interese en coñecer máis polo miúdo qué podía aportar ás súas empresas.
A Lei do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia e os retos que implica, como a creación da Unidade Galicia Emprende para coordinar os axentes e servizos de información, asesoramento e avaliación, a busca de financiamento para a creación de empresas, mediante o Fondo Galicia para Iniciativas Emprendedoras, e a creación da Rede Galega de Investidores Particulares, de viveiros e incubadoras de empresas en Galicia, e o Portal Galego do Emprendedor, foron tamén aspectos de grande interese a aceptación para os asistentes.











