O TSXG avala á xuíza que imputou a sete edís do Partido Popular de Santiago
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou á maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos, fronte ás críticas contra o seu traballo a raíz de que decidise imputar aos sete concelleiros de Santiago de Compostela que acordaron, na xunta de goberno, pagar con fondos públicos a defensa doutro edil do PP, Adrián Varela, tras ser imputado na operación Pokémon.
Nun comunicado, a Sala de Goberno do TSXG mostra o seu rexeitamento a comentarios “que insinúen que o traballo da maxistrada poida ter algún outro interese que o propio da súa función constitucional como xuíza de instrución”.
Non é a primeira vez que os xuíces saen en defensa da maxistrada Ana López Suevos, a quen a voceiro do Goberno municipal de Santiago, María Pardo, chegou a acusar de “persecución política”, o que provocou que a xunta de xuíces de Santiago criticase, o pasado mes de outubro, estas “descualificacións” e censurase o “pouco respecto” cara ao principio de división de poderes.
O pasado mércores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, proclamou no Parlamento galego a “colaboración e respecto” coa Xustiza do Goberno galego e do PP, aínda que matizou que “ás veces custe” ver “como se pode imputar concelleiros por seguir os informes preceptivos da Intervención e da Asesoría Xurídica nun concello determinado”. “Pero respectámolo”, agregou, en referencia velada á imputación por prevaricación dos sete edís do PP compostelano.
O TSXG reclama “respecto” para os xuíces que actúan no exercicio das súas funcións, “no marco da obrigada independencia xudicial e sen outros intereses que administrar unha recta e imparcial Xustiza”.
RECURSOS
O Alto tribunal galego tamén recorda que na fase de instrución valóranse indicios, e que agora dependerá do xulgado do Penal competente ditar sentenza nun ou outro sentido. Ambas decisións, tanto a do Xulgado de Instrución como a do Penal, subliña que poden ser recorridas.
É máis, os sete edís de Santiago de Compostela imputados por este caso xa decidiron a semana pasada presentar de forma conxunta ante a Audiencia Provincial un recurso contra o auto da xuíza no que dispuxo que se continúe a tramitación como procedemento abreviado.
A xuíza Ana López Suevos acordara continuar co procedemento abreviado por se os feitos que se investigan fosen constitutivos dun delito de prevaricación.
Ademais, a Fiscalía pediu, no seu escrito de acusación, nove anos de inhabilitación por suposto delito de prevaricación para os sete concelleiros do PP imputados nesta causa: Amelia González, Juan José de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Javier Noya e José Luis García Bello. En total, dez dos 13 edís do PP en Santiago de Compostela, incluído o alcalde, está imputados nalgunha causa xudicial.











