O Torreiro de Forzáns entrega 1.500 quilos de alimentos ao comedor social de San Francisco

Entrega de alimentos
Membros da xunta directiva da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns (Ponte Caldelas) fixeron efectiva a entrega dos máis de 1.500 quilos de alimentos non perecedoiros ao comedor social de San Francisco, en Pontevedra, dentro da súa campaña anual que iniciaron en 2008 e que realizan reiteradamente até a actualidade.
A comitiva foi recibida polo pai prior do convento de San Francisco quen agradeceu, unha vez máis, a solidariedade demostrada polos socios desta entidade cultural que non falta á cita con esta institución social desde o ano 2008 achegando arroz, fariña, pasta, garavanzos, lentellas, galletas, embutido en barra, conservas, aceite en garrafas, leite, etc.
Os socios da Cultural de Forzáns lamentaron non poder conseguir máis de 1.500 quilos de alimentos, pero recoñeceron que a crise económica fai que os doantes de alimentos teñan que reducir a súa achega doutros anos debido a que deben dedicar os seus recursos a atender necesidades familiares ou dos propios veciños da zona.
A recadación de alimentos foi achegada por socios e veciños das parroquias de Forzáns, Gaxate, Anceu, A Laxe, Caritel, Ventín, etc. Están localizadas nos lugares limítrofes coa parroquia caldelana de Forzáns, pero que pertencen tamén a municipios veciños de Fornelos de Montes e A Lama, fundamentalmente.
A necesidade de atender casos de emerxencia social nas zonas de influencia territorial da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns obrigaron este ano a ter que arbitrar fórmulas de colaboración solidaria entre veciños para poder achegar alimentos a familias necesitadas situadas nas parroquias anteriormente citadas.
Así, creáronse agrupacións de apoio a entidades sociais como Cáritas para recoller donativos puntuais ao longo de todo o ano 2013 para poder facer fronte ás necesidades que presentaban esas familias e persoas maiores con pensións de subsistencia que pasan por situacións de especial dificultade.











