O teatro será o protagonista da programación cultural de Cedeira para o mes de marzo
O teatro será o gran protagonista da programación cultural deseñada polo Concello de Cedeira para este mes de marzo. Así, o Auditorio Municipal da vila acollerá nas próximas semanas as representacións das obras “La Casona”, de Teatro do Andamio; “Sinapismo”, da compañía local Valverde Teatro, e “A Ratoeira”, de O Aturuxo de Melpómene. Propostas ás que se sumará a presentación do disco de Andrés Penabad, nun acto organizado no mesmo escenario pola Asociación de Acordeóns de Cedeira. Neste último caso, o sábado 22 de marzo, ás 21 horas.
A programación arrancará esta fin de semana e faráo por partida doble. Así, o sábado, 8 de marzo, ás 20 horas, o público poderá disfrutar da peza “La Casona”. Trátase dunha comedia delirante e ocurrente con personaxes estereotipados, esaxerados ata o límite, o que permite ver profundos traballos actorais. Recrea a historia de Dora e Lita, dúas vellas que herdaron de Felicitas, antiga dona de La Casona, esta mansión. Unha relación de amor-odio úneas e sepáraas, pero seguen xuntas só para quedarse con La Casona, ata que un día sona o timbre e chega a Igrexa… única lexítima herdeira de Felicitas. Ao día seguinte, domingo, ás 19 horas, a compañía local Valverde Teatro presenta “Sinapismo”. Palabra dun pasado non moi lonxano xa en desuso. A xente chamaba “sinapismo” a algo que resultaba molesto. No presente dánse moitas situacións e preséntanse moitas persoas ás que se lles podería dar este nome. Así, Valverde pon en curso esta curiosa palabra para definir as tres comedias curtas que agora presenta: “La visita”, “El secreto” e “La cartica”.
Pechando o mes, o sábado 29, ás 20 horas, a compañía O Aturuxo de Melpómene trae á vila a súa obra “A Ratoeira” de Agatha Christie. A Casa Grande do Pozo dos Monxes abre as súas portas aos primeiros hóspedes, ao tempo que a radio informa da posibilidade de quedaren illados pola neve. Esta chega e, con ela, un crime por resolver.
Como vén sendo habitual, o prezo das entradas para asistir ás funcións teatrais é de 2,5 euros.











