O Teatro Rosalía Castro acollerá unha nova edición da gala dos Premios María Casares de Teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou, esta mañá, a gala dos XVIII Premios María Casares de Teatro, acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Juan Rivas, membro do Consello Territorial da SGAE en Galicia; Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); e os responsables da dirección e da condución da cerimonia: Santiago Cortegoso, Marián Bañobre e Isabel Risco.

A gala celebrarase o vindeiro xoves, 27 de marzo, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro. “Como sempre, como cada ano, é unha honra acoller na nosa cidade a gran festa da escena galega. Estes premios do teatro son a mellor mostra de que os nosos actores e actrices, de que as nosas compañías, seguen loitando e traballando para sacar adiante grandes proxectos”, destacou Fernández e engadiu: “É lóxico que a María Casares veñan á cidade ano tras ano porque A Coruña ama o teatro, e así o demostra cada vez que este teatro colga o cartel de non hai entradas. Comprobámolo en cada edición do noso Ciclo Principal e demóstrano os seus 600 abonados aos que quero agradecer a súa implicación e o seu amor polas artes escénicas”.

Na cerimonia, na que se lerá o tradicional Manifesto do Día do Teatro, a cargo de Camilo Franco, un total de 11 espectáculos optarán a conseguir algún dos galardóns no trece categorías nas que se dividen a María Casares: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Eurozone, de Chévere, con 12 nomeamentos; O home almofada, de ilMaquinario teatro, con 6; e As do peixe, de Abrapalabra creacións escénicas, que aspira a 5; todas incluíndo espectáculo e dirección; e Bye Bye Honey, de Obras Públicas – Abrapalabra, finalista en 5 apartados, incluído mellor espectáculo, parten como favoritas. Séguenlle Waltz, de Voadora, que aspira a 4 premios e A Charca inútil, de Teatro Atlántica, que opta a 3. Aspiran a unha xerra Criaturas, de Teatro do Aquí; BailadElas, de Teatro Antroido; Gaivotas Subterráneas, de Voz Audiovisual – RTA – Talía Teatro; As mil vidas de Matías Houseman, de Teatro de Adro; e C´est a vie, de Matrioshka.

A concelleira, que encomiou a calidade desta tempada de teatro galego, lembrou que moitas das obras nomeadas xa subiron ou subirán aos escenarios dos teatros da cidade: “Estes premios son o mellor exemplo de que a escena galega está por encima de todas as dificultades e que con traballo e esforzo conséguense espectáculos dunha calidade inmensa”, destacou e engadiu:

A gala celebrarase o próximo 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Rosalía Castro que se transformará nun furancho ideado por Ibuprofeno Teatro; “con dous furancheiras -Marián Bañobre e Isabel Risco-, que buscan alternativas de futuro para o seu negocio nestes tempos de crises e cun lote de “xerras” para repartir entre os seus clientes”, explicou Fernández, quen detallou que a banda Radio Cos, encabezada polos cantantes e percusionistas Xurxo Fernandes e Quique Peón e os músicos Pedro Lamas, na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikovn no violín, e Can Pampín, no acordeón, serán os encargados de pór a nota musical. O deseño da escenografía correu a cargo de Suso Montero; e o Centro Dramático Galego encargouse da construción do decorado. O vestiario das presentadoras deseñouno a propia Marián Bañobre e a coordinación e a produción executiva dos premios recae en Marta Horjales.

Ademais, como cada ano, durante a cerimonia da María Casares homenaxéase a unha persoa ou colectivo cunha traxectoria relevante no desenvolvemento do teatro en Galicia, galardón que recibiron, entre outros, Manuel Lourenzo, a Asociación Cultural Abrente, Dorotea Bárcena, Ana Romaní, a Sala Nasa ou, na última edición, Pilar Pereira. “Este ano o premio de honra Marisa Soto outorgarase a Xosé Manuel Olveira “Pico”, un dos actores máis coñecidos do panorama galego que participou en infinidade de series e en máis de 20 películas”, destacou.

Para finalizar, Ana Fernández destacou o compromiso do Goberno municipal coa Cultura en xeral, e o teatro e as artes escénicas en especial, convertendo á cidade na plataforma preferida polos profesionais para estrear e presentar os seus traballos, pondo á súa disposición os nosos recursos e teatros.

 

24 de marzo de 2014 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.