O taller sobre nanotecnoloxías da Domus chega á praza de Lugo no fin de semana
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o taller sobre nanotecnoloxías da Domus instalarase na praza de Lugo mañá venres e o sábado.
Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do proxecto europeo Nanopinion (www.nanopinion.eu), no que participa a Domus e que se veu celebrando en centros cívicos da cidade con talleres dirixidos a todos os públicos para achegar o mundo das nanotecnoloxías, cada vez máis presentes na sociedade, e opinar sobre elas.
Agora, esta Nanoestación chega á praza de Lugo, onde o público poderá, por exemplo, analizar materiais innovadores altamente resistentes á auga, que repelen as manchas e requiren menos limpeza grazas ao seu deseño mediante nanotecnoloxía; coñecer como funciona unha botella que purifica a auga; ou descubrir moitos nanomateriales naturais da contorna, como o leite ou a gelatina.
Ademais, convidarase aos asistentes a participar nun xogo para coñecer os diversos puntos de vista sobre as nanotecnoloxías e buscar as súas propias reflexións, así como a deixar a súa opinión e participar no sorteo dunha tableta.
A actividade desenvolverase mañá, venres 7 de marzo, e o sábado día 8, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.











