O “síndrome de Nagali” de José Navas Aranda chega ao Pazo da Cultura de Carballo

Inauguración da exposición
O Pazo da Cultura de Carballo acolle durante os próximos días dúas exposicións ben diferentes, centradas na pintura e na fotografía. A primeira delas é do creador coruñés José Navas Aranda, que presenta “Cores: síndrome de Nagali”. Segundo explica o artista, a idea parte deste síndrome que denomina ás persoas que non teñen pegadas dactilares. Así, Navas subliña que a idea é a de “buscar o erro” nas imaxes impresas e “converter unha imaxe en serie nunha imaxe única”. Deste xeito, o autor reflicte unha volta á orixe, pervertendo a propia tecnoloxía que representa a lóxica. Escapar do azar e a frialdade fronte ao impulso. Tratar de desdibuxar a realidade para facela, con este proceso, máis comunicativa, recobrando os efectos pictóricos sensibles. O artista plástico herculino José Navas é licenciado en Belas Artes e Master en Arte Contemporáneo, investigación e creación. Ten realizado mostras en España, Portugal e Reino Unido, e foi distinguido con varios recoñecementos en Porto, así como co Premio de Escultura Leonardo Martínez da Asociación Española de Pintores e Escultores. A mostra está composta por 21 obras de gran colorido, estética propia e gran forza expresiva. Parte de imaxes reais captadas da natureza que mediante un proceso que combina aspectos dixitais e manuais vanse transformando.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, arrouparon ao artista durante a inauguración da mostra. Ferrero quixo subliñar que a exposición “transmite unha sensación de momentos únicos” nunhas obras que achegan “a cor, a luz e a primavera”. Poden visitarse até o 6 de abril no andar -1 do Pazo da Cultura, no horario habitual de 17.00 a 21.00 horas de luns a domingo.
Por outra banda, Mar Eirís lembrou que a partir de hoxe, venres 7 de marzo, o 3º andar do Pazo da Cultura acolle a mostra “Fotoxornalismo 2013”, na que participan varios autores e que está coordinada pola Deputación da Coruña (na imaxe inferior esquerda). Trátase dunha exposición composta por fotografías captadas no último ano na provincia da Coruña por recoñecidos profesionais do fotoxornalismo. Mediante estas instantáneas, os 23 autores e autoras participantes achégannos todos os campos da actualidade, repasando os acontecementos e personaxes destacados e noticias do ano 2012 e parte do 2013. Con variadas técnicas e estéticas, os fotoxornalistas amosan que a realidade depende do ollo de quen a interpreta, e do dedo que preme no momento oportuno o disparador da cámara. Esta exposición naceu no ano 2000 co obxectivo de reunir aos profesionais que desenvolven o seu traballo na cidade da Coruña a través de diarios, revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias trasladando a través das súas fotografías a realidade e a actualidade.
Nesta duodécima edición participan os fotógrafos Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, Vanesa Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, José Sánchez, Juan Varela, Marta Capote, Mero Barral, Moncho Fuentes, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Quintana, Susy Suarez, Torrecilla e Víctor Echave. Neste caso, a mostra estará aberta ao público até o 19 de marzo, no mesmo horario de 17.00 a 21.00 horas.











