O Santiago Futsal xa só pensa na Copa
O persoal do Santiago Futsal retomou esta mañá os adestramentos nunha das semanas máis esperadas do ano, a semana da Copa. Os de Santi Valladares realizaron unha sesión recuperatoria esta mañá tras a longa viaxe desde Xaén do que chegaron onte domingo pola mañá. Os xogadores acudiron a unha sesión de Body Combat impartida por Gestal nas instalacións do Multiusos Fontes do Sar. Mañá e mércores realizarán senllas sesións para chegar a punto á ansiada Copa.
O Santiago Futsal ten prevista a súa saída cara a Logroño o xoves ás 11h en autobús, viaxando co equipo Infantil, que disputará en paralelo a Minicopa. Á súa chegada á capital rioxana gozará do partido inaugural da XXV Copa de España entre Inter Movistar e Magna Navarra, para despois chegar ao hotel para descansar e repor forzas para o día seguinte.
O venres será o día do Santiago Futsal, que disputará o primeiro partido da xornada ante Montesinos Jumilla ás 19h desde o Palacio dos Deportes da Rioxa. Os santiagueses buscarán a súa sétima semifinal de Copa (das 10 disputadas) ante o equipo revelación da tempada, que logrou meterse entre o oito primeiros da primeira volta na súa primeira tempada en Primeira División.
Santiagueses e jumillanos, que xa se viron as caras en dúas ocasións en liga regular, contan cunha vitoria para cada un, para Montesinos Jumilla por 3-1 no seu feudo e por 5-3 para o Santiago Futsal no Multiusos, polo que será unha das eliminatorias máis abertas destes cuartos de final.
O que resulte vencedor deste partido de cuartos, disputará as semifinais o sábado ás 20,15h ante o vencedor do encontro entre Marfil Santa Coloma e Elpozo Murcia, mentres que a outra semifinal disputarase o sábado ás 18h entre os vencedores dos cuartos de final disputados o xoves entre Magna Navarra e Inter Movistar, e FC Barcelona Alusport vs Ríos Renovables Ribeira de Navarra. A gran final será o domingo 16 ás 20h. Todos os partidos desta XXV Copa de España serán retransmitidos en directo por Energy TV.
Plan de traballo da semana
Luns 10 de Marzo:
11h – Multiusos Fontes do Sar – Recuperatorio
Martes 11 de Marzo:
17h – Multiusos Fontes do Sar – Forza rápida + Transferencia + Porteiros + Táctico
Mércores 12 Marzo:
11,30h – Salga de prensa Multiusos Fontes do Sar – Rolda de prensa de Santi Valladares e os capitáns
17h – Multiusos Fontes do Sar – Táctico
Xoves 13 de Marzo:
11h – Saída cara a Logroño
19h – Chegada a Logroño para ver o partido inaugural da XXV Copa de España
Venres 14 de Marzo:
10,30h – Palacio dos Deportes da Rioxa – Adestramento
19h – Palacio dos Deportes da Rioxa – ¼ final – Santiago Futsal vs Montesinos Jumilla
Sábado 15 de Marzo*:
20,15h – Palacio dos Deportes da Rioxa – Semifinal
Domingo 16 de Marzo*:
20h – Palacio dos Deportes da Rioxa – Final











