O Santiago Futsal colabora coa Federación Autismo Galicia
Esta mañá tivo lugar a presentación do novo programa que a Federación Autismo Galicia desenvolve co Concello de Santiago para mellorar a accesibilidade cognitiva de persoas con trastorno do espectro autista nas instalacións deportivas de Santiago.
Os encargados de presentar o proxecto foron o presidente de Autismo Galicia, D. Antonio da Igrexa Soriano, o concelleiro de Deportes D. Adrián Varela, a concelleira de Servizos Sociais, Dna. María Castelao e a responsable do programa en Autismo Galicia, Dna. María Arceo. Todos resaltaron a importancia da adaptación das instalacións públicas, que a través duns sinxelos pictogramas situados nas diferentes dependencias, facilita o día a día deste colectivo.
Na presentación colaboraron tamén os adestradores do Santiago Futsal, Santi Valladares e do Río Natura Monbús, Moncho Fernández, que agradeceron á Federación a súa invitación para colaborar neste proxecto e puxéronse á súa disposición para calquera iniciativa. Ademais, ambos os adestradores recibiron un pictograma do seu club de mans do presidente de Autismo Galicia.
Dentro desta colaboración do Santiago Futsal coa Federación Autismo Galicia e coincidindo coa celebración do Día Mundial de Concienciación do Autismo, dous xogadores do Santiago Futsal participarán este mércores nunha visita ao Centro de Educación Especial para nenos e nenas con TEA Duques de Lugo da Asociación ASPANAES.











