O Santiago Futsal clasifícase para semifinais da Copa de España
O Santiago Futsal logrou o seu pase a semifinais tras imporse por 8-1 a Montesinos Jumilla nun partido controlado desde o primeiro minuto no que os santiagueses demostraron o seu poderío e efectividade de face ao gol. O punto negativo púxoo Loito, que tras mal apoio tivo que abandonar a pista con molestias no xeonllo, polo que é seria dúbida para mañá. Mañá disputarán a semifinal ás 20,15h ante Elpozo Murcia que venceu 1-5 a Marfil Santa Coloma A primeira semifinal será ás 18h entre Inter Movistar e FC Barcelona Alusport, vencedores dos cuartos de final disputados onte xoves.
O Santiago Futsal saíu a por todas e desde o primeiro segundo saíu a apertar e coas intencións claras sobre a portaría de Mozo. Pouco tardou en chegar o primeiro, obra do mago da noite Diego Quintela, que aos dous minutos xutou a portaría, coándoselle o balón ao porteiro murciano. Continuou apertando o Santiago e segundos despois foi Hugo quen marcou o segundo tras enganchar o rexeite dun gran disparo de Quintela. Tras os primeiros minutos de arreón santiagués chegou a calma, e aínda que o Santiago Futsal continuaba co partido controlado, Montesinos trataba de sorprender sen éxito ao seu rival. O terceiro chegou nunha xogada de estratexia de falta que transformou Eloy Vermellas. Os queseros viron esperanzas na seguinte xogada cando Lolo Suazo recortou distancias tras un disparo afastado que se coou na portaría de Juanjo, pero o dominio dos santiagueses continuou até o descanso.
Tras o descanso o Santiago Futsal volveu saír con todo e en apenas 10 segundos Hamza fixo o cuarto para os santiagueses. O asedio continuou e o partido sentenciouse un minuto despois cun golazo de David Pazos. Montesinos Jumilla apenas vía o balón e un penalti de Cristian sobre o Santiago Futsal fixo que David transformase o sexto gol para os santiagueses desde o punto de penalti. Non tardou en chegar o sétimo tras unha xogada de estratexia de córner que golpeou nun rival tras un disparo de Chus coándose na portaría defendida por Mozo. O Santiago Futsal baixou un pouco a defensa e Montesinos Jumilla tivo o balón durante os seguintes minutos sen apenas xerar perigo sobre a portaría de Juanjo. Unha falta innecesaria 10 minutos do final fixo ver a Cristian a segunda amarela, índose expulsado e sendo a quinta falta para os murcianos. A superioridade devolveulle o dominio ao conxunto santiagués, que a pesar de ir gañando 7-1 xogou con gran intensidade pelexando cada balón coma se fose o último. Diego Quintela asinou o oitavo e definitivo gol para pechar un partido brillante do Santiago Futsal.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”non era o partido que esperabamos con esta diferenza de goles. A saída que tivemos foi moi boa a nivel de presión e aproveitamos as ocasións que se nos presentaron, aínda que na primeira parte non o fixemos todo o ben que deberiamos co balón. Na segunda parte melloramos e no seis primeiros minutos logramos distanciarnos e sentenciar o partido”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Juanjo, David, Loito, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Hamza, Hugo, Barroso, Eloy Vermellas, Pablo Tallón, Chus, Raúl e Santi.
Montesinos Jumilla: Mozo, Lolo Suazo, Pizarro, Pichí e Cristian (cinco inicial), Baca, Ique, Josiko, Rubén Zamora, Chinés, Rober e De la Rosa.
Goles: 1-0 Diego Quintela (min 2), 2-0 Hugo (min 3), 3-0 Eloy Vermellas (min 15), 3-1 Lolo Suazo (min 16), 4-1 Hamza (min 21), 5-1 David Pazos (min 22), 6-1 David p (min 23), 7-1 Chus (min 23), 8-1 Diego Quintela (min 39)
Árbitros: García Hernández e Díaz Rodríguez
Amoestacións: Cartón amarelo para Baca, Lolo Suazo e Rober de Montesinos Jumilla e dobre cartón amarelo para Cristian.
Incidencias: Partido correspondente aos cuartos de final da Copa de España disputado no Palacio dos Deportes da Rioxa.











