O Santiago Futsal cae goleado mermado polas baixas ante Inter Movistar

Santiago Futsal contra o Inter Movistar
O Santiago Futsal recibiu un duro castigo na visita do líder e campión da Copa de España, o Inter Movistar ao Multiusos Fontes do Sar. O partido comezou co recibimento do campión facéndolle o corredor e terminou cunha derrota por 0-7, un resultado que en absoluto reflicte o sucedido na pista, aínda que os alcalaínos demostraron a súa gran calidade.
O partido comezou igualado, cun Santiago Futsal ben plantado en defensa e sen ocasións claras en ningunha portaría. Batería foi o encargado de inaugurar o marcador tras un disparo raso que se coou na portaría de Raúl. Dous minutos foi Tobe quen puxo o segundo tras un centro de Rafael que rematou ao segundo pau ao pouco de entrar na pista. Antes do descanso debutou Dani do filial co primeiro equipo en Liga, que entrou en convocatoria a última hora para suplir a baixa de David Pazos con gripe. O Santiago Futsal tivo un par de ocasións para recortar distancias, pero chegou ao descanso con 0-2.
Tras o tempo de descanso, continuou a mesma tónica, un partido igualado, cun Santiago Futsal deixándose a pel e un Inter Movistar demostrando grandes toques de calidade. Cardinal fixo o terceiro aos 6 minutos e a 11 do final, Inter púxose con 5 faltas. Hamza tivo unha das ocasións máis claras dos santiagueses tras unha gran xogada e centro de Barroso que Ortiz sacou co peito baixo paus. O Santiago contou coas ocasións máis claras nestes minutos, chegando a fallar dous dobres penaltis disparados por Palomeque, que se foi ao poste, e por Eloy Vermellas, que detivo Luís Amado. Batería marcou o cuarto para Inter sentenciando o partido cando máis o merecían os santiagueses. Barroso vestiuse de porteiro-xogador a 4 minutos do final e continuou deixándose a pel para recortar distancias. A un de final Pola marcou o quinto nun rexeite. Ricardinho fixo os dous últimos goles para Inter no último minuto, o primeiro un golazo que entrou por toda a escuadra e o segundo sobre a bucina.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, afirmou que ”o resultado é demasiado castigo para o que se viu na cancha, calquera que non vise o partido pensaría que nos pasaron por encima e aínda que é certo que son líderes e veñen de gañar a Copa, non fomos merecedores desta goleada. Moitos goles viñeron en situación de superioridade”. Santi Valladares destacou ademais “non só a calidade deportiva senón humana dun xogador 10 como Ricardinho”.
Pola súa banda, Jesús Velasco, adestrador de Inter Movistar sinalou que “tendo en conta que viñamos da Copa onde fixemos un gran papel, e é unha situación na que o equipo adoita relaxarse un pouco, creo que nos veu ben enfrontarnos a Santiago, un equipo con moita intensidade, que presiona forte, moi dinámico e iso fíxonos entrar bastante ben. Concedemos poucas ocasións e das poucas que tivemos no primeiro tempo aproveitámolas. O 2-0 deunos tranquilidade e ao final foi demasiado castigo, pero isto é deporte”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Raúl, David, Eloy Vermellas, Pablo Tallón e Diego Quintela (cinco inicial), Hugo, Hamza, Barroso, Palomeque, Chus e Dani.
Inter Movistar: Luís Amado, Ortiz, Batería, Ricardinho e Cardinal (cinco inicial), Pola, Rafael, Nano Modrego, Rivillos, Tobe, Ruben Orzáez.
Goles: 0-1 Batería (min 10), 0-2 Tobe (min 12), 0-3 Cardinal (min 26), 0-4 Batería (min 36), 0-5 Pola (min 39), 0-6 Ricardinho (min 40), 0-7 Ricardinho (min 40)
Árbitros: Bel Pascual e Moreno Millián do colexio catalán
Amoestacións: Cartón amarelo para Diego Quintela e Pablo Tallón do Santiago Futsal
Incidencias: Partido correspondente á vixésimo quinta xornada de Liga disputado no Multiusos Fontes do Sar ante máis de 2500 persoas.











