O Rio Natura Monbus esgota as súas 6.000 localidades ante o Real Madrid
O Rio Natura Monbus esgotou no día de hoxe as 6.000 localidades do Fontes do Sar para o partido deste domingo ante o Real Madrid, ás 18 horas en Teledeporte.
O conxunto compostelán, que encadea seis vitorias de maneira consecutiva na súa mellor serie da historia, mídese ao líder da liga Endesa, que con vinte e un triunfos seguidos tamén está no seu mellor momento.
A afección local envorcouse con esta cita e á primeira hora desta tarde o club tivo que colgar o cartel de non hai billetes despois de que ningunha das 6.000 localidades estea libre. A única vez en que ocorreu algo similar foi no primeiro partido da tempada 2009/2010, fronte ao entón Regal Barcelona, que coincidiu co regreso do equipo á máxima categoría do baloncesto nacional.
Desde entón, disputáronse outros 62 partidos oficiais -61 de liga regular e un de fase final polo título- nos que aínda que se rozou o cheo, non se chegou a esgotar as entradas como sucede nesta ocasión.











