O responsable de Infraestruturas do goberno de 2008 asegura que non había “reparo ningún á adxudicación da obra”
O exconcelleiro –por entón do BNG, organización que deixou– responsable de Infraestruturas no goberno municipal de Ourense de 2008, Andrés García Mata, asegurou que non había “reparo ningún por parte dos funcionarios na adxudicación da obra da rúa Bedoya, pola que foi chamado a declarar xunto ao resto da xunta de goberno local.
García Mata é un dos nove políticos chamados a declarar, xunto cun funcionario e tres empresarios, pola adxudicación das obras á empresa OCA S.A., aprobadas por unanimidade nunha xunta de goberno e á que non se puxo “reparo ningún” por parte dos funcionarios.
García Mata formaba parte do Goberno bipartito PSOE-BNG, a maior parte del imputado agora polo titular do xulgado de instrución número 2 de Ourense, e xa prestou declaración hai tres semanas no mesmo xulgado ao que deberá volver o día 2 de abril, tamén en calidade de imputado.
En declaracións, García Mata, detallou que na xunta de goberno local de outubro de 2008, se aprobou “por unanimidade a adxudicación das obras da rúa Bedoya, tras un proceso negociado no que concorreron tres empresas, e gañou OCA S.A., por ser a que presentou o presuposto máis barato e o proxecto con máis melloras”.
URXENTE POR SUBVENCIÓN
Ao respecto, aludiu ao procedemento de adxudicación, tras un trámite negociado, sen publicidade e urxente, explicou, “igual que no xulgado hai tres semanas”, que había unha subvención da Xunta “que se podía perder pois había que ter certificado o 40 por cento da obra a finais dese mesmo mes, e a única forma de non a perder era facelo así”, concretou.
Engadiu que o procedemento “non contou con ningún tipo de reparo”, e creu recordar que si houbo reparos do interventor “á hora de pagar a obra, moito despois, pero é habitual que aconteza así”. “Había unha causa obxectiva para facelo así”, agregou.
“NON APARECE EXPRESA E motivada”
Segundo o auto xudicial con data do luns 10 de marzo, o expediente de adxudicación da obra “deberá conter a declaración de urxencia feita” polo órgano de contratación, debidamente motivada,”.
No caso da rúa Bedoya e da tramitación investigada “non aparece unha declaración expresa e motivada como tal, limitándose a figurar esta declaración no prego de cláusulas administrativas,”, segundo o auto.
“O carácter urxente só afecta á redución de prazos e non suprime o requisito de publicidade”, di o auto xudicial.
O expediente, segundo o xuíz, continuou ata contar co prego de licitación redactado polo funcionario imputado, xefe do Servizo de Infraestruturas.
A xunta de goberno do día 6 de setembro de 2008 aprobou por unanimidade o prego de licitación presentado pola Concellaría de Infrasestructuras, responsabilidade de García Mata.
Segundo o auto xudicial, na resolución da xunta de goberno “concorren indicios racionais de criminalidade contra os seus integrantes por aprobar unha resolución que vulnera a legalidade polo que poden resultar responsables dun delito de prevaricación”.











