O presidente da Deputación da Coruña e o eurodeputado Francisco Millán Mon reúnense cos participantes do Programa EYE 2014
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acompañou esta tarde ao eurodeputado Francisco Millán Mon nun encontro cos estudantes galegos que participarán no programa EYE 2014, promovido pola institución provincial a través de Europe Direct e que permitirá a dez mozos galegos viaxar a Estrasburgo para coñecer o funcionamento do Parlamento Europeo.
Durante a sesión, o parlamentario deu conta do sistema de traballo da Unión Europea nunha xornada organizada con motivo da proximidade das eleccións e que acolleu tamén unha conferencia sobre a “Situación e perspectivas da Unión Europea e a súa importancia para Galicia”.
Este tipo de iniciativas son levadas a cabo polo departamento da Deputación Europe Direct, un centro oficial de información da Comisión Europea que leva en marcha dende o ano 1996 co obxectivo de dar a coñecer todo o relacionado coa UE, dende a lexislación e as súas institucións, ata a procura de financiamento e de socios para proxectos europeos. Ademais, desenvolve un importante labor no eido da educación e a sensibilización a través de accións formativas e informativas coma este ciclo.
Durante a súa conferencia, Francisco Millán Mon referiuse á situación actual da Unión Europea e ás súas perspectivas. Insistiu en que nestes últimos anos a Unión centrou os seus esforzos en facer fronte á crise económico-financeira e, en especial, en reforzar a Unión Económica para poñela ao nivel requirido pola Unión Monetaria. Salientou ademais que a crise económica puxo de manifesto as graves carencias da arquitectura económica da UE.
Para Millán Mon, os importantes esforzos que se están a realizar acadaron que o euro sexa xa percibido como irreversible e que se teña progresado moito no establecemento dunha auténtica Unión Económica e Monetaria. Neste senso, salientou os avances recentes logrados de cara ao establecemento dunha Unión Bancaria.
O parlamentario referiuse tamén á política exterior da Unión. Neste senso, salientou a importancia da chamada “Primavera Árabe” e as respostas da Unión Europea. Así mesmo, abordou o papel da Unión no mundo como un actor global.
Finalmente, o eurodeputado popular falou da importancia da Unión Europea para Galicia. Puxo de manifesto que a UE e as súas institucións teñen competencia en numerosos sectores de gran importancia na economía galega e subliñou o relevante papel do Parlamento Europeo como co-lexislador, o que outorga especial transcendencia ás próximas eleccións europeas do 25 de maio.











