O presidente da Deputación da Coruña destaca o labor dinamizador dos empresarios de Soneira na Costa da Morte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe as instalacións da sede da Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira, en Baio (Zas), para coñecer a ampliación realizada na sede con axuda da institución provincial.

A Deputación destinou 35.056 euros para este proxecto, cos que se abonou o 78% da obra, cun costo total de 44.862,96. Esta reforma permitiu á entidade dispoñer doutro piso para desenvolver as súas actividades. O obxectivo é desenvolver nas novas aulas cursos de formación e outras actividades porque, segundo Calvo, a sede “dá para moito”.

Segundo o presidente provincial, “mereceu a pena este investimento” porque se conseguiu unha “instalación á altura de calquera outra da provincia ou de Galicia”.

Así, o presidente dos empresarios, Manuel Mourelle Amado, agradeceu a colaboración da Deputación, que manterá o seu apoio nun futuro con esta entidade.

Pola súa banda, Diego Calvo insistiu no traballo que desenvolven os empresarios no seu entorno, “promovendo actividades entre empresarios e comerciantes”. “Para que este concello e esta comarca sigan tendo esta actividade industrial e comercial tan necesaria é preciso contar cunha asociación coma esta que leve novas iniciativas adiante”, concluíu o presidente.

12 de marzo de 2014 | 20:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.