O presidente da Deputación da Coruña advirte en Cedeira do compromiso do órgano provincial cos 93 concellos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCedeira
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o Concello de Cedeira, onde mantivo un encontro de traballo cos integrantes da corporación local que preside Luis Rubido.

Durante a reunión, na que se gardou un minuto de silencio en lembranza das vítimas do 11M e do naufraxio do Santa Ana en Muros, abordáronse diferentes asuntos relacionados coa colaboración entre a Deputación e o Concello de Cedeira.

Así, o titular provincial salientou os máis 400.000 euros que este municipio recibirá durante o ano 2014 procedentes do POS (238.270,65 euros) e do DTC93 (163.499,98). Neste senso, Calvo lembrou “a autonomía” que a institución provincial dá aos concellos nos seus plans, xa que, segundo explicou, “son as corporacións locais as que deciden o destino dos cartos, porque son os seus integrantes os que mellor coñecen as necesidades do municipio e dos seus veciños”.

Ademais, falou das últimas modificacións nas bases do Plan de Obras e Servizos, sempre orientadas a unha maior efectividade e eficiencia das achegas. “Os concellos saben que ata un 60% das cantidades asignadas poden ir a gasto corrente, e ademais agora xa non precisan acreditar a titularidade dos terreos nos que actuar, xa que é suficiente contar coa súa disponibilidade”, explicou Calvo, que apelou tamén á maior axilidade na tramitación dos proxectos que permiten estas modificacións. “Todos os concellos da provincia sabían, a día 1 de xaneiro, as cantidades coas que poderían contar procedentes destes dous plans da Deputación, ambos cuns criterios de reparto obxectivos”, matizou o titular provincial. 

Do mesmo xeito, e a modo de repaso dos froitos da colaboración entre administracións, Calvo sinalou que o Concello de Cedeira recibiu durante o ano 2013 máis de 2,5 millóns de euros en concepto de adiantos e liquidación das taxas e impostos municipais delegados na Deputación.

Tamén falou das vantaxes da sede electrónica provincial á que se adheriu o municipio no mes de novembro, xa que, dixo, “permite que os cidadáns teñan acceso a calquera trámite que precisen os 365 días do ano”. “Isto é moi importante, porque os concellos da provincia teñen acceso a esta plataforma de xeito totalmente gratuíto e, no caso de facela de xeito individual, cada un deles tería que pagar o mesmo que inviste a Deputación na súa sede electrónica única”, confirmou Calvo.

O presidente da Deputación, durante a reunión, escoitou as demandas do alcalde de Cedeira e do resto dos membros da corporación sobre diferentes proxectos pendentes no municipio, e comprometeuse a estudar calquera iniciativa que o Concello presente na institución provincial.

12 de marzo de 2014 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.