O Porto de Vigo acollerá un simulacro de emerxencia de saúde pública nun buque de pasaxeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O Porto de Vigo acollerá o próximo día 21 de maio un simulacro de emerxencia de saúde pública, protagonizado por un buque da armada española que simulará ser un barco de pasaxeiros.

Así o anunciou esta mañá o Presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, tras presidir a reunión preparatoria do exercicio MARSEC 14, cuxo obxectivo non é outro que o de planificar e coordinará a todas as Administracións participantes no simulacro, tales como Sanidade Exterior, Comandancia Naval, Xunta de Galicia, Corpos e Forzas de Seguridade, Sasemar, Capitanía Marítima, Cruz Vermella, Subdelegación do Goberno e Urxencias Sanitarias, entre outros.

Segundo lembrou o máximo responsable portuario, o Consello de Ministros aprobou o pasado 7 de marzo un acordo mediante o cal se establecen un total de cinco portos peninsulares como “puntos de entrada con capacidade de atención a emerxencias de saúde pública de importancia internacional (ESPII)”, entre os que se atopa Vigo, xunto a outras terminais como Barcelona, Valencia, Bilbao e Málaga.

Nesta selección, explicou, tívose en conta o volume de tráfico internacional, a súa situación xeográfica, capacidade de resposta sanitaria, así como a súa actividade en incidencias sanitarias, o que significa, a xuízo de López-Chaves, que “temos capacidade de resposta”.

O máximo responsable portuario valorou moi satisfactoriamente esta decisión do Goberno de España, o que supón un “recoñecemento” para o Porto de Vigo, consecuencia da súa “consideración” a nivel internacional. “Cando hai que tomar unha decisión e seleccionar un porto pola súa capacidade e traxectoria no tráfico internacional, o Consello de Ministros elixe ao Porto de Vigo”, incidiu, á vez que agradeceu ao Goberno de España a elección de Vigo entre ese cinco portos peninsulares, “os máis importantes de España”.

Regulamento Sanitario Internacional

De acordo co Regulamento Sanitario Internacional, unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional implica un evento extraordinario que constitúe un risco para a saúde pública doutros Estados por mor dunha propagación internacional dunha enfermidade, e podería esixir unha resposta internacional coordinada.

Entre as medidas que se deberán garantir destaca o establecemento dos procedementos para a actuación as 24 horas dos servizos sanitarios de sanidade exterior nos puntos de entrada designados e o mantemento do equipamento básico para afrontar calquera emerxencia de saúde pública de importancia internacional.

Este acordo é necesario para dar cumprimento ao Regulamento Internacional que foi aprobado na 58ª Asemblea Mundial da Saúde, celebrada en Xenebra. Nel, establécese que a súa finalidade e alcance é o de “previr a propagación internacional de enfermidades, protexer contra esa propagación, controlala e darlle unha resposta de saúde pública proporcionada e restrinxida aos riscos para a saúde pública, evitando, ao mesmo tempo, as interferencias innecesarias co tráfico e o comercio internacionais”.

A súa aplicación contribuirá significativamente a mellorar a seguridade internacional no ámbito da saúde pública ao facilitar un novo marco para coordinar a xestión dos eventos que poidan constituír unha emerxencia de saúde pública de importancia internacional. Tamén permitirá reforzar a capacidade de todos os países para detectar, avaliar e notificar as ameazas á saúde pública e responder a elas.

20 de marzo de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.