O pleno de Ponte Caldelas aproba unha moción contraria á nova lei do aborto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Ponte Caldelas aprobou, cos votos a favor dos dous concelleiros do PSOE, un do BNG e 7 do PPdeG, incluído o alcalde Perfecto Rodríguez, (dous deste grupo abstivéronse) unha moción presentada polos socialistas relativa ao anteproxecto de Lei Orgánica polo que o Goberno pretende revisar a lexislación vixente en España sobre a saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo, coñecida popularmente como a nova Lei do Aborto impulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón. O Pleno iniciou os debates unha vez que o alcalde e os concelleiros gardaron un minuto de silencio en memoria do presidente Adolfo Suárez, recentemente falecido.

Tras a lectura pública da moción do PSdeG-PSOE, o alcalde Perfecto Rodríguez anunciou que o grupo municipal do PPdeG decidira dar liberdade de voto aos seus membros en función de que, segundo Rodríguez, “trátase dun asunto que ten que ver coa moral e ética individual de cada persoa, e mesmo nalgúns casos coas súas crenzas relixiosas.Por iso no noso grupo decidimos que cada membro teña total liberdade de voto de acordo á súa conciencia e ética persoal”.

O alcalde sinalou na súa alocución que a opinión do PP neste tema non é monolítica e sinalou que “eu, particularmente, son partidario dunha lei de prazos, similar á actual con algunhas correccións.Creo que a mellor opción sería esperar á sentenza do Tribunal Constitucional e despois actuar conforme esa sentenza, é dicir, si avala a actual lei, mantela con pequenas correccións. En caso do seu fallo fóra en sentido contrario, entón volver a unha lei como a do 85, pero sen ningunha outra restrición”.

Na súa reflexión o rexedor manifestou: “Creo que a maternidade é unha cousa moi seria en todos os sentidos, para a nai e para o concibido e non nado, pero a persoa máis capacitada para tomar esa decisión é a propia nai e a súa contorna en determinados casos”.

Por outra banda o Pleno da Corporación aprobou cos votos a favor dos 9 concelleiros do PPdeG e a abstención de dous edís do PSdeG e un do BNG, as modificacións necesarias para adaptar as ordenanzas e regulamentos municipais á nova “Lei do emprendemento e a competitividade” da Xunta de Galicia que entrou en vigor en decembro de 2013, o que fará que Ponte Caldelas sexa un dos primeiros concellos en Galicia que se axusten a esta nova normativa.

A nova Lei suprime, con carácter xeral, as licenzas de actividade ou apertura ou as licenzas de obra menor. En todos estes casos estas autorizacións substitúense por comunicacións previas ou declaracións responsables que deberán presentar as persoas ou empresas que vaian realizar esas obras menores ou vaian abrir os seus establecementos para un negocio ou o exercicio de actividades.

O Pleno aprobou tamén a modificación de varias ordenanzas que regulaban a concesión desas licenzas, así como as fiscais que regulaban as correspondentes taxas por permisos de obras, licenzas urbanísticas ou de apertura ou actividade, co obxectivo de adaptalas a esta nova lei. Son en total cuatroordenanzas as que se modificaron para adaptarse a esta Lei.

As taxas por obras manteranse igual e serán abonadas ao presentar a correspondente documentación, porque xa non hai que esperar á concesión de ningunha licenza. A novidade estará na taxa por licenza de actividade ou apertura de establecementos ou negocios que antes cobraba o Concello e que se correspondía cunha cantidade equivalente a unha cota anual do IAE. Agora esta cota eliminarase e substituirase por unha taxa fixa de unicamente 19,85 euros, que é a mesma que se cobra para calquera trámite administrativo que requira autorización.

Unha novidade importante que leva esta lei, e que esta ordenanza adaptará para Ponte Caldelas, é que o establecemento de actividades que requiren declaración ambiental da Xunta ou outras autorizacións sectoriais, suporá que as propias empresas ou promotores da actividade terían que tramitar directamente ante a Consellería de Medio Ambiente con carácter previo esta autorización, e unha vez conten con ela presentarán entón xa no Concello a declaración responsable coa correspondente documentación, é dicir, proxecto técnico e autorización que requira.

Unha vez presentada esta documentación poderá xa iniciar as obras, no seu caso, e ao finalizalas e presentar o certificado de final de obras, iniciar xa a actividade. Antes era o Concello o que se encargaba de tramitar esas autorizacións e iso agora cambia.

Para o Alcalde “aínda que estes cambios supostamente son favorables, porque algúns concellos atrasábanse moito nestes trámites, o certo é que moitos particulares ou empresas descoñecen os trámites que terán que facer”.

Ponte Caldelas será así un dos primeiros concellos da provincia en adaptar as súas ordenanzas á nova lei, que de todos os xeitos é de obrigada aplicación desde a súa entrada en vigor.

27 de marzo de 2014 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.