O plan de reactivación do comercio de Ferrol oferta no centro da cidade un total de 25 locais inactivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, fixo hoxe un percorrido polo barrio da Magdalena e detívose nalgún dos baixos comerciais inactivos que forman parte da bolsa de locais do novo Programa de Reactivación Comercial do centro da cidade, posto en marcha polo Goberno Municipal co apoio económico dos fondos europeos do Plan Iniciativa Urban. Neste paseo o rexedor municipal estivo acompañado dos concelleiros de Economía e Emprego, Alejandro Langtry Caínzos e Martina Aneiros Barros, respectivamente.

A día de hoxe, un total de 25 locais están adheridos a este programa, que conta coa participación da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), ACOF –Centro Comercial Aberto da Magdalena- a Asociación de Empresarios de Hostalería e a Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste (APIN). “Poñemos en marcha unha nova ferramenta que outorga maiores facilidades aos emprendendores que desexen abrir un negocio ou actividade no centro de Ferrol”, sinalou Rey Varela. Así, o primeiro edil da cidade lembrou que este programa vai acompañado doutra serie de medidas como a liña de subvencións aberta polo Concello de Ferrol para a mellora e apertura de comercios e establecementos de restauración, o plan de dinamización do comercio ao abeiro do que se celebran eventos como a Fashion Night, a implantación da declaración responsable e a comunicación previa para a apertura de actividade, as ordenanzas de terrazas e de estacionamento en superficie ou actuacións urbanísticas e de conservación do entorno, entre outras.

Así as cousas, e dentro deste programa de reactivación do comercio aqueles baixos dispoñibles para emprender un negocio se atopan identificados con cadanseu selo. Ademais desta promoción a pé de rúa, a través de Internet pódese consultar a bolsa inmobiliaria on line, entrando en www.ferrol.es e pinchando no destacado “Actívate en el centro”. Por medio desta bolsa on line pódese informar dende “casa” dos locais adheridos, as súas características,, así como os datos de contacto dos profesionais inmobiliarios que os xestionan.

7 de marzo de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.