O período de solicitude de praza no PAI de Lousame estará aberto do 15 de marzo ao 15 de abril
O Concello de Lousame informa a todos os veciños e veciñas de que o período para solicitar praza no Punto de Atención á Infancia (PAI) de Lousame estará aberto do 15 de marzo ao 15 de abril de 2014, a fin de que as familias interesadas podan ir preparando con tempo a documentación necesaria. As persoas interesadas poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais de Lousame ou ao propio Punto de Atención á Infancia para pedir máis información e recoller a documentación necesaria para a presentación das solicitudes. Uns impresos que tamén poden ser descargados dende a páxina web municipal (www.concellodelousame.com).
Os solicitantes deberán encher o impreso de solicitude e presentar a seguinte documentación: copia cotexada do libro de familia (páxinas escritas) e do DNI de ambos proxenitores (ou do titor/a legal), certificado de convivencia e certificacións de imputación das rendas correspondentes ao exercicio 2012, expedida pola Axencia Tributaria, de todos os membros computables da unidade familiar que obteñan ingresos de calquera natureza. Neste último caso, os solicitantes tamén poden autorizar para solicitar as devanditas certificacións dende o Concello, cumprimentando o “Anexo I: autorización para a solicitude de datos tributarios”. No caso de que o número de solicitudes presentadas supere a oferta de prazas, o Concello de Lousame terá especialmente en conta as rendas familiares para a súa adxudicación.
Así mesmo, o solicitante tamén deberá achegar a seguinte documentación complementaria no caso de que fose pertinente no seu caso: copia cotexada da nómina ou do recibo de autónomos/as de febreiro, certificación da situación de desemprego expedida polo Servizo Público de Emprego, copia cotexada do título de familia numerosa, copia cotexada do certificado de pensións; invalidez, orfandade, estranxeiro e/ou outras; copia cotexada do certificado do grao de discapacidade, informe dos Servizos Sociais municipais sobre a inclusión da familia do neno/a en Programas de Intervención familiar; ou calquera outra documentación que dea constancia da especial situación familiar ou económica da unidade familiar.
Os impresos e a documentación precisa para a reserva de praza no PAI de Lousame, que conta con 20 prazas para nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade, poderán entregarse nos Servizos Sociais do Concello de Lousame entre o 15 de marzo e o 15 de abril. Non se admitirán solicitudes nin antes nin despois destas datas.











