O partido do Azkar Lugo escapouse moi pronto no Palau

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

Unha boa primeira parte do FC Barcelona serviulle hoxe ao conxunto culé para que o Azkar Lugo non puidese ter opcións ata o final de loitar polo partido. E é que esa pegada que teñen os grandes en ataque hoxe reflectírona os cataláns ante un conxunto galego que se viu desbordado no inicio do partido. Hoxe os de branco creceron co paso da contenda pero entón xa era tarde porque se vían con catro goles por baixo no marcador e de pouco lle serviu unha segunda parte na que os pronistas si competiron a mellor nivel.

O Barcelona saíu a morder, parecía doído trala súa última derrota en Murcia e como se adoita dicir nestes casos os galegos pareceron pagar os pratos rotos. Os erros dos de Diego Ríos aproveitáronos os culés que ao minuto 8 xa vencían 3-0 con goles de Fernandao, Lozano e Wilde. Entón a escadra lucense pareceu responder, comezou a querer o balón e levou perigo á meta dun Sedano que ata entón pasara desapercibido. Diego Núñez tíñaa ante o meta local pero íase fora o seu disparo, logo Iago Rodríguez estrelábaa sobre o meta e de novo Diego Núñez gozaba dunha ocasión que o porteiro dos culés despexaba. Merecera o gol a escadra lucense, pero cando mellor estaba chegaría a sentenza co 4-0 cun novo balón morto na frontal do área e que mandaba á escadra. Pese á desventaxa o Azkar Lugo non lle perdía a cara ao partido, sabía que o dominador actualmente do fútbol sala español chegaba enrabietado ao choque, pero os lucenses tamén chegarían enrabietados ao descanso tras ver como unha nova ocasión de Chano tras falta indirecta íase ao longueiro e ver como Álex Diz no bocinazo final da primeira parte tamén a enviaba ao travesaño.

Esas boas sensacións finais dos primeiros vinte minutos traducíronse en maior competitividade tralo paso por vestuarios, pese a que aos dous minutos do reinicio Lin establecía o 5-0. Sen baixar novamente os brazos, o Azkar seguiu ao seu partido, ao de competir, ao de crecer como equipo pese ao resultado, e iso levoulle a crear perigo sobre a meta de Paco Sedano e así do minuto 24 ao 31 as ocasións máis claras foron para os lucenses, intentándoo Iago Rodríguez con ata tres disparos e outro de Chano. Entre medias chegaría o gol de Álex Diz, o do 5-1, ao rematar unha contra que acababa cun barullo dentro do área e o canteirán de cabeza batía a Sedano. Eses minutos de maior perigo lucense ben mereceron algún tanto a maiores pero tamén os blaugrana farían posteriormente empregarse a fondo a Mendiola. Co partido sentenciado, o Azkar Lugo atacaría con porteiro-xogador nos tres últimos minutos, xa non só intentando ir a polo partido, algo moi complicado, senón para mellorar de cara a próximas citas. Pero aí os lucenses non estiveron finos e dúas perdas aproveitáronas Aicardo e Lozano para establecer o definitivo 7-1.

Ficha técnica:
FC Barcelona 7: Paco Sedano, Aicardo, Saad, Lin e Fernandao, -cinco inicial-, Lozano, Gabriel, Wilde, Ari, Dyego e Adrián.  Azkar Lugo 1: Mendiola, Diego Núñez, Cuco, Iago Rodríguez e Chano, -cinco inicial-, Álex Diz, Aranburu, Antonio Diz, Jandri e Cristian.
Árbitros: Bernabeu Haro e Sánchez Ayala (comité valenciano). Amonestaron con tarxeta amarela a Chano, Iago Rodríguez e Cristian (Azkar).
Incidencias: 24ª xornada de liga en 1ª división. Palau Blaugrana. Uns 2500 espectadores.
Goles: 1-0 min. 1 Fernandao, 2-0 min. 5 Lozano, 3-0 min. 8 Wilde, 4-0 min. 16 Lozano, 5-0 min. 22 Lin, 5-1 min. 27 Álex Diz, 6-1 min. 38 Aicardo e 7-1 min. 38 Lozano.

8 de marzo de 2014 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.