publicidade hoxe

O Oso de Salcedo contribúe a potenciar os atractivos turísticos da zona sur lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do BrollónLocal PortadaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe o importante potencial do entroido para complementar os recursos turísticos da zona sur da provincia de Lugo e impulsar o desenvolvemento económico da mesma.

Arias, que asistiu hoxe á celebración do Oso de Salcedo na Pobra de Brollón, subliñou o impulso que a Xunta de Galicia está a dar a “esta celebración e á do entroido ribeirao dos Volantes, en Chantada, que xa comparten cartel con algúns dos entroidos máis afamados de Galicia”.

Ao respecto, explicou que a Axencia Turismo de Galicia elaborou unha guía do entroido en Galicia que recolle os 18 puntos da xeografía galega que merecen un recoñecemento pola singularidade destas festas, entre os que se contan A Pobra e Chantada. Na mesma liña, ambas localidades participaron na xornada de exaltación dos entroidos galegos que tivo lugar en Santiago hai apenas un mes.

O Oso de Salcedo caracterízase pola ancestral saída dun home caracterizado como plantígrado que durante a xornada de luns de carnaval se dedica a tisnar a todo aquel que se cruza ao seu paso.

Esta cita –afirmou Raquel Arias- representa “unha boa proba da gran riqueza cultural e etnográfica desta zona, onde se congregan varias mostras máis dun importante valor histórico”. Neste sentido, significou que a Xunta traballa precisamente para “potenciar os nosos entroidos, xa que posúen un efecto dinamizador no eido económico moi relevante para as comarcas nas que se celebra”.

Arias considerou que estas celebracións contan tamén cun factor desestacionalizador, posto que “amplíase a oferta turística fóra da tempada alta”. Segundo indicou a delegada, “estas datas ofrecen aos centos de persoas que se achegan ata aquí a posibilidade de degustar unha gastronomía característica desta época do ano e tamén permiten a posta en valor do territorio dende outra perspectiva, potenciando actividades como o turismo activo, o enoturismo ou o turismo cultural e urbano”.

3 de marzo de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.