O Oroso TM ascende a Primeira Nacional e o Club Xadrez Oroso ascende a Segunda División

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesOroso
A-
A+

Oroso viviu unha fin de semana chea de éxitos deportivos cos ascensos do Oroso TM á Primeira Nacional e  do Club Xadrez Oroso á Segunda División da Liga Galega de Xadrez. O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, felicita a ambos clubs e sinala que “estes ascensos son o xusto premio ao gran traballo realizado ao longo do ano por ambos clubs”.

O Club Xadrez Oroso asegurouse este sábado a segunda praza do Grupo C da Terceira División da Liga Galega de Xadrez, o que lle outorga directamente o ascenso á Segunda División, logo de gañar o seu encontro diante da Escola de Xadrez Cabo Touriñán por 4-0. O presidente do Club Xadrez Oroso, Juan Salgueiro, considera “un gran éxito acadar o ascenso no noso primeiro ano de andadura como club deportivo, quen o ía dicir cando en 2011 comezamos a promover o xadrez en Oroso”. Un punto no que coincide Rey Villaverde, quen destaca “o gran mérito que ten o Club Xadrez Oroso, pois conseguiu este ascenso no seu primeiro ano de vida. Un ano no que puxeron en marcha a escola de xadrez e no que conseguiron un número considerable de fichas”.

Ademais de amosar o seu agradecemento aos socios/as e ao Concello de Oroso, Salgueiro destaca sobre todo “a eses vinte xogadores federados do Club Xadrez Oroso e da Escola Xadrez Oroso, que estiveron aí xornada tras xornada coa ilusión de que este día podía chegar e que traballaron duro para acadalo”. Así mesmo, destaca o traballo realizado polo  mestre Roberto Patiño coa canteira, “que está a piques de comezar a xogar  en torneos e que son o futuro do xadrez en Oroso”.

O Club Xadrez Oroso está composto polos xogadores: Martín Pena Varela, Juan Ramón Salgueiro Aguirre, Juan Luís Molina Martos, Andrés Rico Rodríguez, José Manuel Mosquera Carneiro, Yago Hervella Nieto, Juan Carlos Castro Blanco, Xaquín Molina Gómez e José Antonio Pena Dosil.

Ascenso do Oroso TM

Por outra banda, e cando aínda restan catro xornadas para rematar a Liga, o Oroso TM (filial do Oroso TM Deporte Galego da División de Honra Masculina) xa conseguiu matematicamente o ascenso á Primeira División Nacional como primeiro do seu grupo. Un ascenso conseguido despois de gañar esta fin de semana ao Cambre TM por un contundente 5-1. O concelleiro Luís Rey destaca “un novo triunfo do Oroso TM que demostra o bo traballo que desenvolven ao longo de todo o ano xogadores, adestradores e directiva; e que se suma a unha longa lista de vitorias que o tenis de mesa trouxo ao noso municipio”.

O Oroso TM está a servir para darlles oportunidades aos más novos da canteira do tenis de mesa orosán e, lonxe de resentirse, os rapaces responderon cunha madurez e un xogo digno da categoría. Esta fin de semana foi a quenda do infantil Lois Teixeira,  que mesmo puntuou diante de xogadores con maior experiencia. O Oroso TM consigue así un dos obxectivos propostos para esta tempada 2013-2014.

17 de marzo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.