O musical “El libro de la selva”, o humor de David Amor e o concerto de Coque Malla chegan ao Jofre en marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A programación no Teatro Jofre para o que resta de marzo elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, centra a súa principal oferta no teatro infantil, a música e o humor. Así o calendario de eventos previsto no teatro municipal inclúe a representación do musical para toda a familia “El libro de la selva”, os monólogos de David Amor e o concerto de Coque Malla. Esta programación complétase ademais coa presentación do novo traballo do músico Pablo Díaz e o repertorio de música clásica da Real Filharmonía de Galicia.

Así as cousas, a cita coa cultura máis inminente no Teatro Jofre terá lugar este domingo, día 9, coa posta en escena do clásico de Kipling  “El libro de la selva”, teatro musical para todos os públicos que comezará ás 18.00 horas. Os espectadores poderán gozar dunha das aventuras máis emocionantes e tenras de sempre: a historia de como un neno crece na selva rodeado de animais, aprendendo a distinguir o ben do mal, mentres tenta descubrir quen é e que lugar ocupa no mundo.

O ciclo de monólogos da Concellería de Cultura ten como convidado neste mes a David Amor. O humorista galego enfrontarase ao auditorio do Jofre co seu espectáculo titulado “Fuera de sitio”, en que demostrará que o seu non é soamente contar chistes. A actuación será o domingo 16, a partir das 20.00 horas.

E un terceiro evento a destacar na programación cultural de marzo está marcado para o sábado 22 de marzo, cando volverá o ciclo de grandes concertos “Son(S) do Jofre”, que nesta ocasión trae a Ferrol a Coque Malla que está de xira polos teatros de España co seu espectáculo “Mulleres” O antigo líder dos Ronaldos interpretará enriba do escenario do teatro municipal versións en acústico dos seus mellores temas e homenaxeará a grandes músicos da historia do rock.  O concerto comezará ás 20.30 horas.

As persoas que teñan interese en asistir a calquera destes eventos poden retirar a entrada de maneira anticipada a través da páxina web do Concello de Ferrol (www.ferrol.es – apartado Axenda Cultural) ou no despacho do Teatro Jofre.

Música clásica e de Semana Santa

Pero ademais destes eventos, a programación do Jofre complétase cos seguintes:

-Domingo 23 de marzo: Música infantil con Pablo Díaz, que presenta o seu novo traballo “Toc Toc”, a partir das 18.00 horas. De entrada gratuíta.

-Venres 289 de marzo: Concerto da Real Filharmonía de Galicia organizado pola Sociedade Filarmónica Ferrolana coa colaboración do Concello de Ferrol. Comezará as 20.30 horas.

5 de marzo de 2014 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.