O Museo do Castro de Viladonga acolle unha mostra didáctica sobre moedas romanas
O Museo do Castro de Viladonga acolle a exposición titulada A moeda romana como documento. A colección numismática do Museo do Castro de Viladonga, unha mostra didáctica especialmente orientada aos grupos escolares.
O centro, que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resume nesta mostra didáctica os achados monetarios producidos neste xacemento castrexo e galaico-romano, sintetizando os procesos de fabricación da moeda en xeral e na época romana en particular, contextualizando ademais historicamente aqueles achados.
A exposición permanecerá na sala de usos múltiples do Museo do Castro de Viladonga durante os vindeiros meses, como complemento á información que sobre este tema se ofrece nas salas de exposición permanente.
Consta de sete paneis con abundante información escrita e gráfica e xúntase ademais un folleto de man explicativo para os visitantes. Está concibida para ser itinerante por outras institucións e entidades que así o soliciten.
Ao mesmo tempo, continúa exposta no museo a mostra titulada Arqueoloxía, lexislación e sociedade, relativa ao achado casual producido no ano 2004 de dous torques de ouro na comarca de Sarria, pezas que se gardan e exhiben neste museo de titularidade e xestión pública.











