O Museo de Pontevedra acolle a proxección do documental “José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine”
Hoxe, mércores 19 de marzo, ás 20 horas, terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio do Museo o acto de presentación e a proxección do documental José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine. Nel abórdase a vida e a obra desta figura tan representativa da fotografía e da cinematografía galega.
Escrito e dirixido por Miguel A. Romero e producido pola produtora Faro-Lérez, S. L., ten unha duración de 60 minutos.
José Gil (Rubiós, 1870–Vigo, 1937), reputado fotógrafo que traballou en Mondariz e Ourense, trasladouse a Vigo no ano 1904 en busca dun mercado virxe no que desenvolver o seu labor sen competencia. Alí, o seu gabinete fotográfico chegou a ser o máis importante da cidade. Non obstante, nos primeiros anos do século vinte a vida destes gabinetes comezou a declinar e os fotógrafos tiveron que buscar novos camiños profesionais para poder seguir vivindo do seu oficio.
Un destes camiños foi o reporteirismo fotográfico, ó que José Gil se dedicou traballando na emblemática revista ilustrada Vida Gallega, fundada polo insigne xornalista Jaime Solá, e onde o mencionado fotógrafo destacou pola súa portentosa actividade.
O outro camiño foi o do cine. José Gil adquiriu un aparato cinematográfico e comezou a filmación dunha serie de reportaxes e documentais, que se proxectaron en diferentes salas da cidade, e ata un filme con argumento, Miss Ledya, o primeiro feito en Galicia.
Coa súa empresa Galicia Cinegráfica retratou a sociedade galega e o mundo da emigración, tema principal na súa obra, loitando por establecer as bases dunha industria cinematográfica en Galicia. Empresario emprendedor e polifacético foi representante da marca Ford e Texan para Galicia, explotando as posibilidades do automóbil na busca da imaxe máis afastada. Ademais, inventou o Automotor Cine, un vehículo provisto dun proxector cinematográfico co que intentou levar os seus filmes ós lugares máis recónditos do territorio. Tamén ideou un vehículo de rodas sen aire co que percorreu Galicia amosando as peculiaridades do novo invento. Pero a súa vida, chea de éxitos e recoñecementos no profesional, veuse embazada pola morte por tuberculose das súas tres fillas, Rosa, María e Pepita. Este tráxico suceso deixou a súa pegada no cemiterio de Pereiró de Vigo, onde unha inquietante escultura, encargada por José Gil ós escultores Asorey e Camilo Nogueira, recorda ás tres rapazas.











