O Ministerio de Fomento busca unha opción para enlazar a A-55 coa urbanización de San Eleuterio, en Mos
Na súa recente viaxe ó Ministerio de Fomento, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, tratou coa ministra de Fomento, Ana Pastor, a necesidade da creación dunha saída da Autovía A-55 que enlace directamente coa urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga.
E é que os dous actuais accesos son deficitarios, un por requerir un importante rodeo para chegar ó destino, e outro por tratarse dun vial demasiado estreito e pouco seguro, sobre todo para os vehículos de maior envergadura.
A demanda, que se fai eco da petición dos veciños, tanto de San Eleuterio en particular como do lugar de Pedraucha en xeral, ven motivada pola inexistencia dunha óptima saída dende a autovía en dirección Porriño, cara a citada urbanización, que se atopa situada xunto á Estrada Pereiras-Tameiga.
Na súa última reunión, Pastor comprometeuse con Arévalo a estudiar o caso para buscar unha solución e poñela en marcha canto antes. A proposta do Concello para acometer dita conexión dende a A-55 é a creación dun enlace directo dende a autovía ata a Estrada Pereiras-Tameiga.
Este último vial é considerado, tal e como declaraba hoxe o concelleiro mosense Luis Alonso Seijo, “o corazón das comunicacións viarias no interor do municipio de Mos”; xa que une e comunica entre sí a metade, ou sexa cinco, das parroquias mosenses: Tameiga, Petelos, Pereiras, Cela e Sanguiñeda.
Dita estrada é un vial moi transitado por dous motivos, por unha banda por conectar cinco das dez parroquias da localidade; e por outro lado pola cantidade de vivendas asentadas no seu contorno. Por poñer un exemplo, tan só na urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, están empadroados máis de mil habitantes e existen sobre 200 vivendas.











