O líder pon fin á serie histórica do Rio Natura Monbus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Nin no terceiro cuarto, o único que se lle escurrió das mans ao conxunto de Moncho Fernández, deixou o Rio Natura Monbus de crer na vitoria ante o líder invicto da liga Endesa, o Real Madrid. A pesar das adversidades –Durand Scott uniuse esta semana aos lesionados Junyent e Sanz-, os composteláns volveron demostrar que están feitos doutra pasta, plantaron cara a un posible “equipo de lenda” e acabaron ovacionados por unha afección á que pouco lle importou o resultado final (68-83). Os 16 puntos e 7 rebotes (24 de valoración) de Nikola Mirotic e a axuda anotadora de Rudy Fernández e Sergio Llull serviron para cortar a serie histórica da Obra: seis partidos consecutivos obtendo a vitoria por primeira vez na traxectoria do club na máxima competición estatal. Pavel Pumprla, con 16 puntos e 5 rebotes (22 de valoración) converteuse no mellor obradoirista sobre o parqué.

De feito, foi o checo o que mantivo o pulso ao comezo cos pesos pesados do Real Madrid. Ao comezo irresistible de Rudy Fernández, Mirotic e Darden, respondeu o checo con tres canastras no primeiro cuarto. A intensidade marcaba cada acción en ambas as partes da pista ata que o branco que empezou a predominar foi o santiagués. Con cinco puntos consecutivos, Rafa Luz conseguía dar a volta ao marcador (15-14 min. 8) e Berzins asinaba un parcial de 13-2 que daba a primeira vantaxe de período o Rio Natura Monbus (17-14).

Cinco puntos máis do letón elevaron o parcial a 18-2 e acenderon a alarma no banco merengue, que Laso axitou para tentar reverter a situación. Conseguiuno grazas á conexión Felipe Reyes-Sergio Rodríguez. O 0-10 para o Madrid deu de novo o mando do partido (22-24, min. 15) ao equipo visitante. Corbacho tentou reducir a diferenza de catro puntos antes do descanso, pero Rodríguez mantívoa devolvendo o triplo do balear (29-33).

No terceiro cuarto, a maquinaria merengue funcionou a pleno rendemento. Especialmente inspirados estiveron Rudy Fernández (tres triplos) e Nikola Mirotic, que con 13 e 10 puntos, respectivamente, danaron a defensa compostelá e xestaron a primeira vantaxe importante do partido. Resistíase a morrer o Rio Natura Monbus, que viu no triplo de Dewar, ao finalizar este período (45-59), unha rendija á machada.

Dous triplos máis de Corbacho -30 partidos consecutivos anotando polo menos un- e outro de Xanthopoulos reduciron a diferenza a dez (58-68), pero as faltas empezaban a pesar –eliminados a base grego, Stobart e Berzins- e, para máis inri, Llull fíxose coas rendas do seu equipo. Do seu oportunismo o Real Madrid sacou petróleo e unha vitoria máis que engadir á súa conta particular. Para o Rio Natura Monbus non pareceu unha derrota, pois o Multiusos respondeu ao grande vitoreando aos seus e trasladándolles a enerxía suficiente para o asalto, o vindeiro domingo, ao feudo do CAI Zaragoza.

68 – Río Natura Monbus (17+12+16+23): Rafa Freire Luz (10), Alberto Corbacho (9), Pavel Pumprla (16), Micky García Stobart (4), Mario Delas (11) -cinco inicial-, Ben Dewar (5), Kaspars Berzins (10), Albert Homs (-) e Vasilis Xanthopoulos (3).

83 – Real Madrid (14+19+26+24): Sergio Llull (16), Tremmell Darden (10), Rudy Fernández (20), Nikola Mirotic (16), Ioannis Bourousis (-) -cinco inicial-, Jonathan Barreiro (-), Felipe Reyes (10), Dani Díez (2), Sergio Rodríguez (9), Marcus Slaughter (-) e Salah Mejri (-).

Árbitros: Antonio Conde, Francisco Rabuña e Jorge Martínez Fernández. Eliminaron por acumulación de cinco faltas persoais a Micky García Stobart, Kaspars Berzins e a Vasilis Xanthopoulos polo Río Natura Monbus.

Incidencias: Partido correspondente á vixésima segunda xornada da liga Endesa disputado no Fontes do Sar ante 6.000 espectadores, cheo.

9 de marzo de 2014 | 23:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.