O ISSGA organiza unha xornada sobre acoso laboral na Coruña para reducir os riscos psicosociais no traballo

Xornadas sobre o acoso laboral
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a celebrar hoxe na Coruña a xornada técnica ‘Acoso laboral: conceptos e avaliación’ que se enmarca na oferta formativa para 2014 deste organismo que depende da Consellería de Traballo e Benestar. A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou a iniciativa que se está a centrar na avaliación do acoso laboral e na xestión de conflitos interpersoais.
A actuación estase a realizar en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a través do acordo de colaboración que o ISSGA ten subscrito con este organismo para a promoción e colaboración en actuacións de seguridade e saúde no traballo.
Quinzá-Torroja explicou que o acoso laboral ademais de xerar danos sobre a saúde dos traballadores, desestrutura o ambiente laboral e, por iso, sinalou que “o acoso ten un alto potencial de danar a saúde colectiva, impactando negativamente sobre a produtividade e xerando unha degradación do clima laboral”.
Deste xeito, a directora do ISSGA destacou que o Instituto inclúe entre as accións do seu Plan de Actividades 2014 a redución dos riscos psicosociais no traballo mediante ferramentas como a formación, información e conciliación.
Por último, explicou que, ademais desta xornada formativa, mañá se celebrará, tamén na Coruña, un curso sobre prevención de riscos psicosociais para actualizar e afondar os coñecementos do persoal técnico do ISSGA. Ademais, esta ano lembrou que dará comezo en abril a nova campaña da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, Traballos Saudables 2014-15 que trata sobre a xestión do estrés e dos riscos psicosociais no traballo.











