O informe sobre a perigosidade da curva de Angrois centrará as declaracións de tres cargos de Renfe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O informe que José Ramón Iglesias Mazaira, xefe de maquinistas da provincia de Ourense, enviou en decembro de 2011 ao seu superior alertando sobre o “brusco” descenso da velocidade que había que realizar na curva de Angrois, “sen aviso previo”, centrará as declaracións que o xuíz Luis Aláez, que instrúe a causa polo accidente, ten previsto tomar este venres.

Comparecerán, en calidade de testemuñas, Iglesias Mazaira –citado para as 10,00 horas–, o por entón responsable de seguridade Ángel Lluch Perales –para as 11,30 horas– e o superior directo do autor do documento, José Luis Rodríguez Vilariño –ás 13,00 horas– .

Manuel Prieto, avogado do maquinista Francisco José Garzón Amo, único imputado neste momento, presentou no xulgado este escrito, que alertaba de “anomalías” na recén inaugurada liña de alta velocidade Santiago-Ourense, e o xuíz instrutor decidiu incorporalo ao sumario. Ademais, tras solicitar nova documentación a Renfe e Adif, chamou a declarar estes tres traballadores da operadora.

Fíxoo no mesmo auto no que, o pasado 14 de febreiro, criticou a actuación dos responsables de Adif e acusou o administrador de infraestruturas ferroviarias de “incrementar o risco para a vida de miles de persoas” cambiando o sistema de seguridade ERTMS polo ASFA na curva por “motivos comerciais”.

As vítimas, constituídas en dúas asociacións, viron nese novo paso da investigación que Aláez retomaba a senda que lle fixo reiniciar a Audiencia Provincial cando levantou as imputacións a cinco cargos de seguridade e 22 altos cargos de Adif pedíndolle que obtivese un “consenso técnico” sobre posibles deficiencias da vía.

E nesta liña, non en van, avanza o maxistrado no seu último auto, notificado este mesmo xoves, no que chama, tamén como testemuñas, a cinco cargos de Adif –baixo a responsabilidade da cal se atopaban o libro horario e o cadro de velocidades máximas polos que se guiaba Garzón e nos que Prieto observa incongruencias respecto á documentación achegada polo administrador–.

NOVA FASE

Estas declaracións produciranse o próximo 27 de marzo, co que a investigación encara unha nova fase co horizonte posto, por unha parte, “nas novas imputacións” que esperan algunhas das vítimas, como o voceiro de Apafas, Cristóbal González, quen, tras visitar recentemente o xuíz Aláez, reforzou a súa idea de “confianza” na Xustiza.

Por outra, nos próximos meses coñecerase a data en que marcha ao Xulgado do Penal o ata agora titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Luis Aláez.

Mentres, a instrución prosegue coa solicitude novas dilixencias que o letrado defensor do maquinista espera que, de dicir todas as testemuñas “a verdade”, sexan “importantes” ao “aclarar” cuestións técnicas “fundamentais” como o punto ata o que estaba instalado o sistema de control de velocidades ERTMS.

6 de marzo de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.