O INE comunica ao Concello de Lalín a proposta de cifra de padrón para 2014 que se sitúa en 20.154 habitantes
O primeiro edil remarca que “a campaña de empadroamento deu resultados e cumpriu o seu obxectivo e demostrou que os lalinenses están á altura das circunstancias” e incide en que “continuaremos sensibilizando e concienciando á xente para conseguir manternos na primeira categoría nos próximos anos”
O alcalde de Lalín, José Crespo, anuncia que “o INE, Instituto Nacional de Estadística, vén de achegarnos ao Concello de Lalín a comunicación da proposta de cifra de poboación a 1 de xaneiro de 2014 resultante para o noso municipio que é de 20.154 habitantes, o que supón un incremento con respecto á última cifra oficial de censo que é de 20.048 habitantes”
“É unha moi boa noticia que significa que nos mantemos como concello de primeira categoría, pese a que semellaba que algúns quixeran que non fose así, e que corrobora que a campaña de empadroamento que levamos a cabo deu resultados e cumpriu o seu obxectivo e que demostra que os lalinenses están á altura das circunstancias e que grazas a súa colaboración temos máis fuelle para poder afrontar o futuro”, subliña.
“O feito de manternos como concello de primeira categoría é tremendamente importante pois como teño dito, ademais dunha cuestión de imaxe e de prestixio, ten tamén repercusións económicas moi positivas, xa que o estar por riba dos 20 mil habitantes supón poder manter o nivel de ingresos correspondentes aos fondos do Estado e a outros investimentos económicos que veñen determinados en función da poboación”, remarca.
“Esta será a cifra que se terá en conta para as vindeiras eleccións municipais; desde o grupo de goberno intentaremos continuar sensibilizando e concienciando á xente sobre este tema crucial nesta conxuntura na que se empeza a dar algún atisbo de recuperación económica para manternos neste umbral e continuar sendo nos próximos anos concello de primeira categoría”, explica Crespo.











