O Hospital do Salnés incorpora unha nova tecnoloxía para tratar pólipos endometriais uterinos

O Hospital do Salnés ven de incorporar unha tecnoloxía endoscópica -denominada Morcelación- aplicable aos tratamentos ambulatorios de pólipos endometriais uterinos, causantes dunha variada sintomatoloxía en mulleres desta comarca.

A Morcelación constitúe hoxe na área de Pontevedra e O Salnés un novo método, seguro e efectivo, para extirpar pólipos baixo visión directa, que ata agora obrigaba á realización doutras técnicas máis complexas, como a Histeroscopia con anestesia en quirófano, ou o xa clásico Legrado uterino -que, por realizarse sen visión directa, levaba consigo a persistencia do pólipo nun 10%-50% dos casos-.

Outra vantaxe da Morcelación é que o aparato actúa de xeito mecánico, fragmentando e aspirando o tecido que se quere biopsiar de xeito moi selectivo, sen o emprego de enerxía eléctrica nin necesidade de extirpar tecido san lindante ao propio pólipo.

Ao minimizar tanto a agresión cirúrxica do procedemento e convertelo nun procedemento máis dos que se realizan en consulta, a Morcelación evita ás pacientes arousás a necesidade de medidas especiais de repouso terapéutico ou baixa laboral. Como naqueles casos que necesariamente hai que realizar operacións máis complexas –casos de histeroscopias cirúrxicas ou operatorias- que quedarían relegadas a aqueles casos de maior complexidade, por condicións da propia paciente ou por que se sospeite a existencia de miomas ou patoloxías sospeitosas de malignidade.

Beneficio terapéutico para máis de 300 mulleres

O SERGAS calcula que máis de 300 mulleres ao ano poderán beneficiarse desta innovación terapéutica na área de Pontevedra e O Salnés, evitándolles intervencións cirúrxicas que, aínda que eran ben toleradas e habitualmente non requerían ingreso, levaban consigo anestesia xeral ou epidural e unha media de 5 a 7 días de baixa laboral.

No Hospital do Salnés a Morcelación comezou a empregarse en febreiro deste ano e xa se levan realizados 15 procedementos, todos eles con resultado satisfactorio e boa aceptación polas pacientes. No eido da Comunidade Autónoma galega, os hospitais da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés -xunto co Hospital Lucus Augusti- son pioneiros no uso desta tecnoloxía.

Patoloxía prevalente en Arousa

A patoloxía feminina á que vai dirixida a Morcelación na área de Arousa é moi prevalente. Estímase que ata un 25% da poboación feminina adulta desta comarca pode chegar a presentar pólipos uterinos e, aínda que a maioría se comportan de xeito asintomático, poden chegar a causar problemas hemorráxicos, trastornos de fertilidade, ademais de presentar un pequeno risco de dexeneración maligna sobre todo en mulleres de maior idade, o que obriga ao seu estudo e tratamento.

Cómpre sinalar que a gran maioría de pólipos son crecementos benignos da superficie endometrial do útero, habitualmente en forma de nódulos. Poden formarse tanto na etapa reprodutiva das mulleres cando ese tecido é francamente activo, e se manifesta no ciclo de menstruacións ou ben cando a muller se encontra na menopausa, momento de especial atención para calquera crecemento endometrial que se detecte, ou ante a presenza de calquera pequeno sangrado dende o cesamento das menstruacións regulares.

Os pólipos adoitan detectarse inicialmente cando a muller consulta por un sangrado excesivo durante o ciclo ou por sangrados fóra do ciclo de calquera intensidade. Realízase entón unha ecografía xinecolóxica vaxinal, que adoita definir moi ben ese tecido que reviste o interior do útero. Outro importante grupo de pacientes arousás son as que, no contexto dunha exploración ecográfica de rutina ou por outros motivos, se lles detecta un aumento do grosor endometrial que aínda non dera sintomatoloxía. O feito de dar síntomas non confire aos pólipos maior agresividade, simplemente fai que se manifesten antes e se poida dar un tratamento máis rápido en moitos casos.

A confirmación dese diagnóstico de sospeita pola ecografía realízase con outra técnica de visión directa, utilizando un dos endoscopios máis finos dos empregados en Medicina, que se denomina Histeroscopio. Introdúcese dende a vaxina cunha cámara de alta definición que chega ata o interior do útero. Ata cun calibre de cámara de 5 milímetros, a Histeroscopia pódese realizar en consulta ambulatoria, sendo perfectamente tolerable por case todas as mulleres -recorrendo nalgúns casos á simple toma dun antiinflamatorio ou un relaxante unhas horas antes da súa realización-.

Ata o de agora resultaba difícil extirpar os pólipos que se detectaban ao realizar dita proba de visión interna, porque non se dispoñía de aparatos que permitisen introducir simultáneamente á cámara material de traballo sen aumentar o grosor do endoscopio e, polo tanto, as molestias das pacientes.

21 de marzo de 2014 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.