O grupo vocal “Diabolus in musica” abreu cun concerto inaugural o Festival Pórtico do Paraíso na catedral de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, asistiu na Catedral de Ourense ao concerto do grupo vocal francés Diabolus in Musica, co que esta noite arrancou a sétima edición do Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad apoia economicamente o desenvolvemento deste programa, que se estende ata o 23 de marzo coa participación de seis destacados solistas e conxuntos do panorama da música clásica española e mundial.

O Concello de Ourense promove este evento que, baixo a organización da Asociación Pórtico Musical, desprega en nove espazos da cidade das Burgas unha carteleira de sete concertos, así como unha programación paralela de actividades complementarias. Nesta sétima edición, Pórtico do Paraíso consolídase como unha das citas indispensables coa música clásica en Galicia, contribuíndo neste sentido a reforzar a proxección social dos diferentes estilos que abrangue a música de tradición culta.

Carteleira

Tras o concerto de Diabolus in Musica, formación especializada no estudo e interpretación da música medieval, o programa continuará mañá día 15 coa primeira das dúas citas que Karolis Biveinis, pianista lituano afincado en Galicia, protagonizará na igrexa do Santo Anxo, onde tamén actuará o día 22. Completan o cartel a formación británica de percusión O Dúo (domingo 16 no Teatro Principal), o guitarrista Hopkinson Smith (martes 18 na igrexa de Santa María Nai), o grupo español La Reverencia (venres 21 na igrexa de Santiago de Caldas) e o dúo palestino-israelí Amal (domingo 23 no Teatro Principal).

Agás no caso das dúas citas programadas no Teatro Principal, o resto dos concertos de Pórtico do Paraíso son gratuítos. Tamén é de balde a entrada para as diferentes actividades paralelas organizadas ao abeiro desta sétima edición.

15 de marzo de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.