O grupo socialista ve “maduro” o acordo para aprobar os orzamentos de Vigo
O grupo municipal do PSOE no Concello de Vigo manifestou este luns o seu convencemento de que o acordo co PP para a aprobación do orzamento de 2014 está “maduro”, e que se podería pechar nunha próxima reunión, o 6 de marzo, aínda que os portavoces populares han advertido de que “queda traballo” e cuestións importantes por tratar, como a tarifa da auga, a baixada de impostos ou o convenio do novo hospital.
Este luns celebrouse, entre os concelleiros Miguel Fidalgo (PP) e David Regades (PSOE), a terceira reunión para negociar as contas municipais, pero a lectura que uns e outros fixeron do encontro é dispar.
Fidalgo sinalou, en rolda de prensa, que se seguen producindo “avances”, aínda que pediu ser “prudentes” porque “queda traballo” por facer. A ese respecto, lembrou que “hai que desatascar” cuestións como o convenio para as acometidas do novo hospital (que o Concello se negou a facer), ou o cobro da tarifa da auga por consumo e non por tramos.
O concelleiro do PP lembrou que, noutras cuestións, déronse pasos adiante, por exemplo, na implantación do transporte metropolitano (pendente dun informe técnico, tras a reunión entre o alcalde e o conselleiro Agustín Hernández) ou na cesión de terreos para a Cidade da Xustiza.
ACORDOS
Así, Fidalgo explicou que o goberno local comprometeuse a levar á xerencia de Urbanismo, o vindeiro venres, o expediente para tramitar a venda dos pisos de Rosalía de Castro e, co diñeiro que se obteña, pagar os terreos que se cederán á Xunta para ampliar as dotacións xudiciais.
Por outra banda, PSOE e PP tamén alcanzaron principios de acordo con respecto de actuacións no barrio de Teis. Acordouse que se sacará a concurso a explotación da piscina da ETEA, que se desbloqueará a apertura do centro sociocomunitario de Ríos (na sede da antiga conserveira Garavilla, reformada e pechada desde hai anos) e que o Concello se fará cargo da limpeza e mantemento da área recreativa da ETEA, construída pola Xunta de Galicia.
O portavoz do grupo popular, José Manuel Figueroa, insistiu en que “o PP quere pactar os orzamentos” e que, aínda que se produciron “avances”, quedan “temas fundamentais” por pechar (fiscalidade, transporte metropolitano, tarifa da auga e convenio do hospital) dos que vai depender o voto do seu grupo.
PSOE
Tras a reunión co PP, compareceu ante os medios o concelleiro socialista de Emprego e Participación Cidadá Santos Héctor Rodríguez, quen se limitou a constatar que a reunión foi “positiva” e que “está todo maduro” para pechar un acordo o próximo 6 de marzo.
Santos Héctor Rodríguez non quixo entrar en detalles sobre os asuntos tratados cos populares porque “radiar as reunións non axuda á negociación”. Do mesmo xeito, non quixo explicar por que compareceu el, en lugar do concelleiro que participa na negociación, David Regades.
Ante as preguntas dos medios de si a ausencia de Regades tiña que ver co rexistro ao seu despacho no marco da Operación Patos, o concelleiro de Emprego respondeu airado: “Nós non dicimos aos medios a quen ten que mandar ás roldas de prensa”.
Por outra banda, con respecto á posibilidade de que haxa organismos autónomos municipais que se reintegren no Concello para aforrar custos e a posición contraria do PSOE no mesmo caso na deputación de Ponvedra, Santos Héctor Rodríguez (que é deputado provincial e portavoz dos socialistas na deputación), precisou que o seu grupo non estivo “en contra da integración” senón “en contra da forma en que se fixo”.











