O goberno vilagarciá arranca o compromiso de ensanchar o vial que conecta as dúas rotondas de Renza
Ministerio de Fomento e Deputación de Pontevedra colaborarán para mellorar os accesos á cidade dende a vía rápida e o vial do porto, logo das xestións realizadas polo alcalde, Tomás Fole. Trátase, en concreto, de ensanchar o vial que une as dúas rotondas de Renza. A primeira, a que subindo dende Fontecarmoa permite o desvío a Cornazo ou A Pelada, e a segunda, a que, ademais de permitir o acceso ao Rial, serve de entrada e saída á vía rápida de Vilagarcía a Cambados. O vial que une ambas rotondas é na actualidade moi estreito en comparación coas vías que une. Trátase, polo tanto, de ensanchalo, adquirindo unha dimensión de 7 metros de calzada e 1,5 de beirarrúa, ademais das correspondentes canalizacións de augas.
Froito das xestións da alcaldía, o Ministerio de Fomento, propietario dos terreos sobre os que se actuará, fixo o proxecto, pero as obras serán realizadas pola Deputación provincial. Despois de analizar varias solucións, as tres administracións xa chegaron a un acordo, polo que a actuación levarase a cabo en breve prazo de tempo.











