O goberno de Teo leva a pleno a proposta de modificación puntual do PXOM en relación ao solo rústico
A corporación teense reúnese este xoves 27 de marzo para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión tamén se retransmitirá por streaming a través da web municipal, premendo no banner En directo, na marxe dereita da portada.
Un dos puntos para o debate neste pleno de marzo é o acordo de aprobación inicial da modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal en relación ao solo rústico. O Concello decidiu en abril do ano pasado suspender as licenzas de edificación e demolición en solo rústico para facer unha modificación puntual do plan co que se pretende recuperar neste tipo de solo os ámbitos de protección establecidos no PXOM. O goberno municipal entende que despois da tramitación do PXOM teense as modificacións de leis autonómicas modificaron o nivel de protección pretendido pola norma urbanística de Teo en canto aos usos no solo rústico. Esta modificación busca garantir de novo este nivel de protección. A aprobación deste acordo establece un período de exposición pública de dous meses nos que os interesados poderán formular as alegacións que consideren convintes.
Na sesión tamén se quere revertir o acordo de cesión dunha finca no SUD-12, na urbanización de Campos de Mirabel (Calo), ao IGVS destinada á construcción dun centro de día e vivendas de protección. O acordo de cesión é do 2007 e enténdese que transcurridos cinco anos dende o mesmo a finca debe voltar ó patrimonio municipal ó non cumprirse as condicións do convenio asinado entre o Concello e a Xunta neste prazo. O IGVS ten explicitado que non se vai realizar o centro de día nin as vivendas, obxecto para o que se fixera a cesión. O acordo entre as administración establecía que había un prazo de cinco anos para facer esta actuación e á vista da inacción da Xunta o Concello decide iniciar o trámite de recuperación do terreo.
Outro asunto deste pleno é a moción do BNG contra o desmantelamento do 065 do Servizo Galego de Transporte Adaptado, na que se insta á Xunta de Galicia a garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con maiores dificultades.
A orde do día ten os seguintes puntos:
Aprobación das actas das sesións do 30.01.2014 e 27.02.2014.
Dar conta das resolucións da alcaldía (da 141/14 á 206/14).
Dar conta do informe de seguemento do cumprimento do período medio de pago a proveedores.
Dar conta dos resultados da liquidación do exercicio 2013.
Dar conta do cumprimento do artigo 104 bis da lei 7/1985, do 2 de abril, en relación ó persoal eventual.
Ditame da proposta da alcaldía de reversión ao patrimonio municipal da parcela do SUD-12, cedida ao IGVS para a construcción dun centro de día e vivendas de protección.
Ditame da proposta da alcaldía de aprobación inicial da modificación puntual do plan xeral de ordenación municipal en solo rústico.
Ditame da moción do grupo municipal do BNG contra o desmantelamento do 065 do Servizo Galego de Transporte Adaptado.
Mocións.
Rogos e preguntas.











