O goberno de Neda levará a pleno a creación de novas comisións informativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A Comisión de Asuntos do Pleno informou favorablemente a creación de tres novas comisións informativas. A proposta do grupo de goberno obtivo o respaldo de todos os grupos con representación municipal na sesión celebrada esta mañá e, o seguinte paso para facela efectiva, será a súa votación no pleno extraordinario convocado para o próximo luns, 10 de marzo, ás 19,30 horas. O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, motivaba a medida planteada polo seu executivo na conveniencia e necesidade de establecer un cauce de participación de todos os grupos con representación municipal con ocasión da inminente aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como na súa participación efectiva na elección das obras a executar con cargo a programas como os DTC, POS e subvencións nominativas. Non só iso, e por mor do actual contexto de crisis económica, na conveniencia de lograr unha maior implicación dos grupos na planificación dos Servizos Sociais municipais.

Deste xeito, e a maiores das actuais comisións de Asuntos do Pleno e Especial de Contas, se prospera en pleno a proposta informada hoxe favorablemente, estableceránse tres novas comisións, coincidentes coas grandes áreas de actuación municipal: a comisión informativa permanente de Urbanismo, Obras e Servizos; a de Seguridade Cidadá, Traballo, Deportes e Xuventude, e a de Servizos Sociais, Igualdade, Educación e Cultura. A primeira celebraráse o primeiro luns de mes; a segunda, o primeiro martes e, a terceira, o primeiro mércores. Todas elas, ás 12 horas.

Así mesmo, as comisións de nova creación funcionarán baixo o sistema de voto ponderado, de xeito que cada grupo político municipal terá nas mesmas un representante, cuxo voto terá o valor equivalente ao número de concelleiros que ese grupo teña no pleno da corporación municipal.

6 de marzo de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.