O goberno de Mos elabora un informe de necesidades en materia de Educación para que sexan asumidas pola Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Kely Monzón, reuníronse co Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, e con técnicos municipais e da delegación territorial da consellería de Educación para valorar a posibilidade de que a Xunta de Galicia asuma as necesidades reclamadas durante os anos previos polos cinco centros de Educación Primaria do Concello (CEIP de Petelos, CEIP Mestre Martínez Alonso –de Castro-Mos-, CEIP Mestre Valverde Maio –de Sanguiñeda-, CEIP Atín-Cela e CEIP Pena de Francia).

Dende a administración local, xunto coas direccións dos cinco colexios públicos mosenses, elaborouse un estudio no que se recompilan todas estas necesidades e que lle foi entregado polas representantes municipais ó Xefe Territorial de Educación na xuntanza mantida no Concello. En dito documento abórdanse as prioridades de cada colexio, entre as que se atopan, a adaptación de sistemas eléctricos, renovación de carpinteiría de aluminio, cambio de falsos teitos, reparación de calefaccións, illamento e impermeabilización de ximnasios e mellora das instacións informáticas e conexións a Internet para que os centros poidan adherirse á programación educativa da Xunta para o fomento das TIC’s.

Ademais destes, durante a reunión e tamén no informe, tratáronse dous temas a maiores e en profundidade: a creación dun comedor no colexio de Sanguiñeda e as deficiencias no colexio de Castro-Mos. Tal e como informou a edil mosense de Educación, Kely Monzón, no caso do CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda “estase a estudiar a posibilidade de crear un espazo habilitado como comedor escolar, posto que dito servizo no mencionado centro conta cun mínimo diario de 40 usuarios, chegando incluso ata 60 comensais en determinados días da semana”, declarou Monzón.

En canto ó CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, trasladóuselle no informe municipal dirixido á Xunta de Galicia, a necesidade de subsanación de deficiencias de obra no remate do edificio tales coma as pranchas das gradas do patio exterior, o sistema de drenaxe e recollida de augas tamén do patio exterior, e grietas na construcción.

A concelleira responsable do departamento municipal de Educación reunirase a este respecto cos directores dos cinco centros para informalos da resolución que tome a Xunta en canto ás medidas a adoitar para subsanar as necesidades demandadas.

Convevio coa ANPA do Instituto

Ademais desta reunión con representantes da consellería de Educación, a Casa Consistorial mosense acolleu tamén o acto de sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do IES de Mos. O convenio, asinado pola rexedora local, Nidia Arévalo, e polo presidente da ANPA do Instituto de Ensinanza Secundaria, Jesús Samartín Fernández, implica unha aportación económica de 2.000 euros por parte do Concello á Asociación, coa que se pretende “dar cabida ó fomento, apoio e asistencia, neste centro público de Educación Secundaria, de actividades culturais, deportivas e educacionais, configurándose como elemento esencial na actualidade a promoción da saúde e o compañeirismo entre todos os rapaces”.

3 de marzo de 2014 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.