O goberno de Ferrol tratará de buscar o máximo consenso na xestión do saneamento do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A voceira do Goberno Municipal de Ferrol e o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Martina Aneiros Barros e Guillermo Evia Pérez, respectivamente, informaron das últimas novidades sobre o inicio da rexeneración da ría coa próxima entrada en servizo do sistema de saneamento. A empresa Espina e Delfín encargarase dos traballos de posta a punto da EDAR de Cabo Prioriño, co obxectivo de que comece a funcionar de cara ao verán cando estarán conectadas á rede as  vivendas do centro da cidade, que serán as primeiras en depurar as súas augas residuais.

Así mesmo, a voceira municipal informou da vontade do Executivo local de chegar a un consenso e obter o máximo apoio posible da oposición no que atinxe ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a xestión do sistema de depuración e saneamento do municipio. Con este obxectivo e a petición da comisión informativa, o grupo de goberno decidiu deixalo enriba da mesa e pospoñer o seu debate ao vindeiro mes. Aneiros Barros explicou que o modelo de xestión proposto polo Goberno ferrolán é maioritariamente público; e a intención é que sexa compartido co Concello de Narón. “O noso desexo é que Narón entre neste convenio e o faga canto antes, sen esperar a 2015 que é cando este municipio terá operativo o saneamento”.

“O compromiso asumido polo Goberno Municipal é que este sexa o mandato do saneamento e estamos dando os pasos necesarios para cumprilo”, manifestou a concelleira ferrolá. Neste sentido, lembrou o punto de partida do deste cuadrienio con problemas no saneamento no que atinxe a La Ranita e o financiamento. “Conseguimos salvar La Ranita e reducimos do 30% inicialmente previsto ao 10% o custe das obras que terá que asumir a Administración local”, apuntou. “Non hai marcha atrás no propósito deste Goberno de que este sexa o mandato do saneamento porque estamos ante unha actuación estratéxica para a cidade que porá fin ás limitacións produtivas que sofren as familias que dependen do marisqueo e poremos en valor un entorno privilexiado”, concluíu.

26 de marzo de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.