O goberno de Ferrol intensifica as tarefas de mantemento dos centros escolares
O Concello de Ferrol intensificará os traballos de mantemento dos Centros Educativos de Infantil e Primaria que lle corresponde atender á Administración municipal. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe iniciar o proceso de contratación deste servizo, que se centrará na limpeza e conservación de cubertas e baixantes nos CEIP do termo municipal.
O presuposto base polo que se licita este contrato ascende a 50.000 euros anuais (21% de IVE Incluído), e o período de vixencia inicial da adxudicación será de dous anos prorrogables por outros dous. A empresa que resulte concesionaria terá que facer fronte a calquera desamaño relativo a cuestións de mantemento incluído no prego de condicións que poidan xurdir no centro escolar, e que teñen que ver basicamente coas cubertas e baixantes dos centros. Ademais, contémplase que estes traballos de mantemento se realicen un mínimo de dúas veces por ano escolar: unha na primeira e outra no outono, trala caída da folla.
E dentro do ámbito educativo, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá as bases reguladoras das axudas económicas dos nenos/as matriculados en escolas infantís no Concello de Ferrol, adheridas á rede AFESÏN da Xunta de Galicia. O Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela promoveu esta iniciativa pioneira para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral. Así, estas becas teñen como destinatarios: Menores que xa foron beneficiario no ano 2013; menores nados ao longo do presente ano 2014; e a partir do 1 de xaneiro de 2015 para todos os nenos/as matriculados nas escolas infantís da cidade.
O prazo para solicitar esta beca permanecerá aberto ao longo de todo a anualidade e a contía da axuda será dun máximo de 50 euros mensuais. O abonamento desta axuda ás familias que a soliciten e cumpran cos requisitos realizarase trimestralmente.











