O goberno de Ferrol incrementa ata os 9 millóns de euros os investimentos na cidade
O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou hoxe a liquidación do Presuposto Xeral Municipal correspondente ao exercicio 2013, en que os servizos técnicos de Facenda da Administración local sinalan que o grao de execución orzamentaria é o máis alto dos últimos cinco anos, que neste mesmo período de tempo a débeda das arcas ferrolás reducirase en case 5 millóns de euros e que existen remanentes de Tesourería por 10 de millóns de euros. Este informe dos servizo económicos do Concello “demostra o que dende o principio deste mandato vimos procurando: o rigor orzamentario, a boa previsión de ingresos e unha correcta planificación executiva e a optimización dos recursos coa eliminación do gasto superfluo para centrarse no verdadeiramente importante, como é pagar o que se adebeda e aumentar ano tras ano o destinado a investimentos e políticas sociais”, dixo Langtry Caínzos.
O titular de Economía informou de que o crédito definitivo do orzamento de 2013 foi de 64,2 millóns de euros; e que a execución do mesmo se incrementou até o 78,84%, o maior dos últimos cinco exercicios. Así mesmo, Langtry Caínzos apuntou que a liquidación de ingresos foi de 95,39% das previsións definitivas o que, segundo se recolle textualmente no propio informe da Tesourería Municipal, se considera “unha previsión de ingresos moi prudente e rigorosa”. O documento tamén corrobora o cumprimento do regulamento de gasto e das normativas de estabilidade orzamentaria. O edil ferrolán valorou que estes datos “permítennos recuperar a senda que Ferrol nunca debeu perder”, así como “seguir ao pe da letra o que diciamos dende o primeiro día: hai que pagar o que se adebeda e non gastar o que non se ten”.
Escenario inicial
Langtry Caínzos contextualizou este positivo informe de liquidación no escenario que existía ao principio do presente mandato. Así, ao peche do exercicio económico de 2010 -o último ano completo do que a xestión dependeu do anterior executivo socialista- a débeda do Concello de Ferrol cos bancos ascendía a 30,3 millóns de euros en préstamos, e unha débeda acumulada de facturas sen pagar de 12 millóns de euros.
Ademais, o concelleiro de Economía lembrou que o Presuposto Xeral Municipal vén baixando ano tras ano dende 2009, cun descenso do 27% e pasando dun orzamento de 88,2 millóns de euros en 2009 a 64,2 en 2013, o que supón unha baixada de 24 millóns de euros-. “E a pesar de todo isto”, destacou o responsable da política e xestión económica do Goberno Municipal, “fomos capaces de aumentar exercicio tras exercicio o esforzo económico destinado á Área de Benestar Social e conseguimos facer un Presuposto para o presente ano 2014 cuns investimentos superiores aos 6 millóns de euros”.
Evolución da débeda
No que atinxe á amortización da débeda, o informe dos servizos técnicos económicos da Administración ferrolá detallan que o 31 de decembro de 2010 a débeda contraída polo Concello ascendía a 30,3 millóns de euros; cantidade que aínda é superior tendo en conta os 12 millóns de euros en facturas pendentes de pago que deixou o anterior goberno socialista. Fronte a estas cifras negativas, o panorama actual é que ao peche do exercicio 2013 a débeda rebaixouse até os 28,1 millóns de euros –o que supón unha redución de 2,2 millóns de euros-; e a previsión da Tesourería Municipal é que cando remate o presente mandato –a 31 de decembro de 2015- a débeda das arcas públicas ferrolás quedará en 25,5 millóns de euros. Ë dicir, no período comprendido entre 2010 e 2015 o Concello de Ferrol terá 4,8 millóns de euros menos de débeda. “En 2015, ademais de deber case 5 millóns de euros menos, estarán as contas e pagos ao día”, manifestou Langtry Caínzos.
Nesta liña, o edil de Economía fixo fincapé en que “os datos son o que demostran a xestión, unha xestión que fai ao Concello de Ferrol recuperar a credibilidade, fiabilidade, estabilidade e o rigor e bo facer; o que nos permitirá continuar neste cambio de rumbo en relación ao que atopamos ao inicio deste mandato”.
Remanentes
Langtry Caínzos, avanzou que dos 10,1 millóns de euros de remanentes informados pola Tesourería Municipal, o Executivo local acometerá compromisos adquiridos por unha contía de 5 millóns de euros; e que “non vai ser necesario ningún préstamos para cubrir o capítulo de investimentos do Presuposto Municipal para este exercicio de 2014”. Ao respecto, o responsable de Economía detallou que se destinarán remanentes por unha cantidade algo superior aos 3 millóns de euros a investimentos na cidade, polo que en 2014 o orzamento de investimentos en Ferrol chegará á cifra récord de 9 millóns de euros.
“En resumo”, concluíu Langtry Caínzos, “estes datos reflicten que este mandato está a ser o do saneamento económico e a volta ao rigor e a normalidade na xestión económica do Concello de Ferrol”.











