O goberno de Ferrol estuda destinar parte dos remanentes á mellora de viarios, espazos públicos e instalacións municipais
O Concello de Ferrol estará en disposición de realizar investimentos por un montante superior aos 9 millóns de euros ao longo do presente exercicio, e sen necesidade de acudir a endebedamento algún. Deste xeito, o capítulo de investimentos dos Presupostos Xerais Municipais para 2014 pasará dos ao redor de 6 millóns de euros inicialmente previstos a máis de 9 millóns de euros coa incorporación dos remanentes informados pola Tesourería Municipal ao pechar a liquidación das contas da anualidade de 2013. Este documento abordouse hoxe por parte dos grupos municipais en comisión informativa da área co obxectivo de que a liquidación do anterior exercicio contable e a conseguinte incorporación de remanentes ao orzamento vixente sexa aprobada no vindeiro pleno.
O edil de Economía e Facenda, Alejandro Langtry Caínzos, avanzou hoxe algúns dos destinos destes remanentes que están sendo estudados por parte do Goberno Municipal. A falta dunha proposta de investimento definitiva, o responsable municipal indicou que a mellora de viarios tanto na zona urbana como rural do municipio, actuacións de mantemento de instalacións, edificios municipais e investimentos en espazos públicos, entre outros.
Ademais, o informe de liquidación do Orzamento de 2013 elaborado polos técnicos municipais da área de Economía sinala que o grao de execución orzamentaria no que atinxe ao capítulo de investimentos é o máis alto dos últimos anos –pasouse dun nivel de execución de investimentos de 45,61% en 2010 a un 57,58% en 2013-. Así mesmo, o documento que hoxe se ditaminou en comisión informativa recolle que no mesmo período de tempo antes sinalado a débeda das arcas ferrolás reducirase en case 5 millóns de euros -de 30,3 millóns de euros de débeda en 2010, ao que hai que engadir 12 millóns de euros en facturas pendentes de pago- aos 25,5 millóns previstos a 31 de decembro de 2015-. Outro dato a destacar do informe de liquidación é a existencia de remanentes de Tesourería por 10 de millóns de euros, dos cales, como se indicou anteriormente, destinaranse 3 a investimentos. Este informe dos servizo económicos do Concello “demostra o que dende o principio deste mandato vimos procurando: o rigor orzamentario, a boa previsión de ingresos e unha correcta planificación executiva e a optimización dos recursos coa eliminación do gasto superfluo para centrarse no verdadeiramente importante, como é pagar o que se adebeda e aumentar ano tras ano o destinado a investimentos e políticas sociais”, insistiu Langtry Caínzos.
O crédito definitivo do orzamento de 2013 foi de 64,2 millóns de euros; e que a execución do mesmo se incrementou até o 78,84%, o maior dos últimos cinco exercicios. A liquidación de ingresos foi de 95,39% das previsións definitivas o que, segundo se recolle textualmente no propio informe da Tesourería Municipal, se considera “unha previsión de ingresos moi prudente e rigorosa”. O documento tamén corrobora o cumprimento do regulamento de gasto e das normativas de estabilidade orzamentaria. Tal e como valorou o edil ferrolán na presentación que fixo da liquidación estes datos “permítennos recuperar a senda que Ferrol nunca debeu perder”, así como “seguir ao pe da letra o que diciamos dende o primeiro día: hai que pagar o que se adebeda e non gastar o que non se ten”.
Escenario inicial
Este informe de Tesourería enmárcase no escenario que existía ao principio do presente mandato. Así, ao peche do exercicio económico de 2010 -o último ano completo do que a xestión dependeu do anterior executivo socialista- a débeda do Concello de Ferrol cos bancos ascendía a 30,3 millóns de euros en préstamos, e unha débeda acumulada de facturas sen pagar de 12 millóns de euros.
Ademais, o concelleiro de Economía lembrou que o Presuposto Xeral Municipal vén baixando ano tras ano dende 2009, cun descenso do 27% e pasando dun orzamento de 88,2 millóns de euros en 2009 a 64,2 en 2013, o que supón unha baixada de 24 millóns de euros-. “E a pesar de todo isto”, destacou o responsable da política e xestión económica do Goberno Municipal, “fomos capaces de aumentar exercicio tras exercicio o esforzo económico destinado á Área de Benestar Social e conseguimos facer un Presuposto para o presente ano 2014 cuns investimentos superiores aos 6 millóns de euros”.
Nesta liña, o edil de Economía fixo fincapé en que “os datos son o que demostran a xestión, unha xestión que fai ao Concello de Ferrol recuperar a credibilidade, fiabilidade, estabilidade e o rigor e bo facer; o que nos permitirá continuar neste cambio de rumbo en relación ao que atopamos ao inicio deste mandato”.











