O Goberno da Coruña destina 245.000 euros ao ano á xestión do servizo de teleasistencia
O Concello da Coruña informa da adxudicación do concurso de xestión do servizo municipal de teleasistencia -convocado mediante procedemento aberto- a Cruz Vermella Española. A Concellaría de Servizos Sociais dispón dun orzamento de 245.000 euros anuais, o que permitirá unha atención individualizada e un contacto permanente coas persoas máis vulnerables, que viven soas ou cun certo nivel de soidade.
A adxudicación deste programa forma parte do compromiso do Goberno local de garantir o benestar social e a calidade de vida dos coruñeses. Neste caso concreto, o servizo de teleasistencia permite que os usuarios poidan porse en contacto os 365 días do ano cun centro de atención de chamadas, que dispón de persoal especializado, para resolver as necesidades que ocorran en calquera momento. Ademais, mobilizaranse os recursos precisos para que as persoas poidan seguir vivindo na súa contorna habitual.
O proxecto municipal de teleasistencia diríxese con especial atención a persoas dependentes, maiores de 65 anos con especial vulnerabilidade -que vivan sós ou en compañía doutra persoa de similares características- e discapacitados. O Concello sacou a concurso este servizo mediante procedemento aberto para favorecer a participación de todas as empresas interesadas e a igualdade de oportunidades, un proxecto ao que se presentaron seis ofertas (aínda que unha quedou excluída por presentarse fóra de prazo). Unha vez analizadas o cinco ofertas presentadas en tempo e forma e adxudicado definitivamente o proxecto, Cruz Vermella desenvolverá o servizo de teleasistencia por un período de dous anos, aínda que prorrogable por dous máis.
O investimento estimado pola área de Servizos Sociais é de 245.063 euros ao ano, pois a previsión é atender a un número aproximado de 950 persoas. No entanto, si o departamento que dirixe Miguel Lorenzo constata a necesidade de atender a máis usuarios e incrementar o número de prazas, o Goberno local aumentará o orzamento reservado para este programa de teleasistencia até cubrir toda a demanda.
O contacto co centro de atención estará garantido de forma ininterrompida durante as 24 horas do día a través dunha liña telefónica e outra tecnoloxía. Este servizo municipal, ademais, serve como modelo de acompañamento personalizado con chamadas periódicas ao usuario. En concreto, no prego técnico do contrato establécese que a frecuencia mínima de chamadas será semanal e tamén se poderá realizar unha atención persoal por iniciativa do xestor do servizo, da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo ou a petición dos propios usuarios.











