publicidade hoxe

O Fondo de Compensación Ambiental achega 110.000 euros ao Concello de Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPonteceso
A-
A+
Belén do Campo na visita a Ponteceso

Belén do Campo na visita a Ponteceso

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Ponteceso, José Manuel Fondo, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 109.041 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nunha visita ao municipio, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na ampliación da rede de augas pluviais da parroquia de Tella, levándoa ata os lugares de Os Seixos e á aldea de Tella. Deste xeito, mellórase a calidade e servizo de abastecemento de auga potable, así como de saneamento e pluviais desta zona.

Por outra banda, parte da subvención tamén serviu para sufragar os gastos de equipamento e de funcionamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal. A delegada territorial aproveitou así para saudar aos 12 efectivos que compoñen o GES, cunha estrutura profesionalizada e permanente.

Entre as funcións deste dispositivo atópase a intervención en incendios urbanos e forestais. De feito, desde a súa posta en marcha o pasado mes de agosto veu colaborando na campaña contra o lume nos montes galegos xunto co resto de servizos de extinción. Con todo, os GES tamén traballan en situacións de emerxencia derivadas do desencadenamento de riscos naturais, como poden ser as nevaradas, inundacións, seca ou episodios meteorolóxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas.

No encontro, a máxima representante do Goberno galego na provincia tamén agradeceu a colaboración entre as distintas administracións –autonómica, provincial e local-, que posibilitou a posta en funcionamento destes grupos, pensados para crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns ante calquera incidencia. “O novo modelo demostra que a suma de esforzos é útil e necesaria e que entre todos somos máis eficientes”, sinalou.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados

Do Campo recordou que este é o cuarto ano consecutivo no que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán preto de 780.000 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que este é o segundo ano que a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.

27 de marzo de 2014 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.