O Festival de Cine de Ourense recupera o certame OUFF Escola para premiar traballos audiovisuais escolares
O 19 Festival de Cine Internacional de Ourense recuperará o certame OUFF Escola, que premiará os mellores traballos audiovisuais en galego realizados por escolares. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa última sesión as bases deste certame, que chega á súa quinta edición, na que repartirá premios por un importe total de 2.600 euros.
OUFF Escola está convocado pola Concellería de Cultura, Normalización Linguística e Festival de Cine do Concello de Ourense xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do 19OUFF, que se desenvolverá dende o día 15 ao 23 de novembro na cidade.
O certame ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Pretende así mesmo potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.
Poderá participar alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2013-2014 e aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lengua galega.
As bases establecen dúas categorías: unha conxunta de Infantil e Primaria e unha segunda para outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son). En cada unha das dúas categorías, o OUFF Escola entregará un primeiro premio de 600 euros para o centro, un segundo premio de 400, e o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión, dotado con 300 euros
Os traballos deberán estar en lingua galega, ser orixinais ou adaptacións, non comercializados, non premiados anteriormente e non presentados con anterioridade a este certame. Poderán optar traballos de ficción, documental ou animación, con temática libre e duración de até 20 minutos.
As personas interesadas poderán inscribirse ata o día 27 de xuño de 2014 na Concellería de Cultura. Os traballos recibidos serán valorados por un xurado tendo en conta como criterios a calidade da obra, a orixinalidade do argumento, autenticidade e calidade no uso da lingua, a potenciación de valores democráticos e de tolerancia e o uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre.
Nacido en 2009 da man do Consorcio do Festival de Cine, a Secretaría Xeral de Política Linguística e o Concello, o certame OUFF Escola, chegará este ano á súa quinta edición, despois de non celebrarse en 2013 trala disolución do Consorcio que organizaba o Festival.
O certame, que organiza agora en solitario o Concello, retomará esta actividade nesta edición de 2014, que se desenvolverá do día 15 ao 23 de novembro na cidade, en cuxo marco entregaranse os premios do certame e se proxectarán os traballos gañadores.











