O executivo local de San Sadurniño posiciónase en contra do “desmantelamento” do 065

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O alcalde de San Sadurniño, Sencundino García, ditou esta mañá unha resolución na que insta á Consellería de Traballo e Benestar “a paralizar o desmantelamento do Servizo do transporte adaptado do 065” e a que se garanta no noso concello o desprazamento regular das persoas dependentes, así como a mobilidade das que teñen maiores dificultades. A reclamación obedece -segundo reflicte a resolución- á decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado das persoas dependentes aos centros onde reciben as súas terapias, despois de que o concurso público do servizo quedase deserto.

O Servizo Galego de Transporte Adaptado (065) para persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado durante a época do bipartito da Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español. Porén nos últimos anos este servizo básico, rebautizado como Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065), “comezou a sufrir un deterioramento constante” que, segundo o texto remitido polo alcalde á Xunta “ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes” aos lugares onde se lles facilita tratamento.

Unha medida que para o goberno local se traduce no “desmantelamento do servizo para non atender o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades”. A alcaldía considera no escrito remitido á Consellería de Traballo que este departamento autonómico dá “un paso máis” na eliminación dos programas e servizos de dependencia e benestar “que sufrirán novamente as persoas máis débiles”. A resolución láiase do “desmantelamento” por parte da Consellería dun “servizo necesario que custou moito esforzo deseñar e implantar e que daba servizo de maneira regular a todas as persoas dependentes que o solicitaban”.

Por último, desde San Sadurniño critícase unha política que, ademais, “vai provocar unha perda importante de postos de traballo”. De feito, a suspensión do servizo “a partir do vindeiro 8 de marzo de 2014” afectaríalle no caso de Ferrolterra “a 14 traballadoras e traballadores, así como ás persoas usuarias, incluídos veciños e veciñas de San Sadurniño”.

6 de marzo de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.