O exalcalde de Ourense: “Non recibín ningunha clase de suborno xamais”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

“Non recibín ningunha clase de suborno xamais, nin na miña vida pública nin privada”, subliña o exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez en relación ás informacións sobre supostos ingresos nas súas contas sen xustificar que transcenderon do sumario da ‘Operación Pokémon’, na que está imputado.

Tamén Rodríguez explica, a través dun comunicado, que “é absolutamente falso” que tivera “un só ingreso económico sen xustificar ou de dubidosa procedencia”.

“Todos os meus ingresos, de todos e cada un dos anos examinados na instrución, proceden única e exclusivamente do meu salario, ou de achegas da miña familia, como o pouco que deixaron os meus pais ao falecer, e teño as certificacións bancarias e notariais que o proban”, apostila.

Así, sostén que “é unha manipulación atribuír a operacións escuras o ingreso na conta” da súa compañeira sentimental “da liquidación recibida pola rescisión do contrato da súa antiga empresa, ou ingresos trimestrais que son a achega do seu exmarido á manutención da filla de ambos os dous, cifrada en 900 euros ao mes”.

Así mesmo, insiste en que, “por enésima vez” sobre os “famosos pisos en Brasil cos que especularon uns cantos canallas sen que ninguén pagara por ese infundio”, que as súas “únicas propiedades” son “un piso de 95 metros cadrados cunha hipoteca a 35 anos no barrio da Ponte”, onde asegura que viviu toda a súa vida, “e un coche de 12 anos de antigüidade”.

“ESTOU A SUFRIR UNHA CAUSA XERAL”

Ademais, reitera Rodríguez que “é mentira” que aceptara subornos “a cambio de concesións municipais a Vendex ou Aquagest”. “A proba máis evidente é que durante o meu mandato non se fixo ningunha concesión municipal a estas empresas”, sentenciou.

“Estou a sufrir unha causa xeral sobre toda a miña vida e a da miña familia, pero non me importa cando, canto ou que investigue sobre min porque xamais se poderá atopar o que non existe”, sostén para concluír que leva “soportando xa ano e medio de condena social, política e familiar”. “Reitero con toda rotundidade que son inocente de todas e cada unha das imputacións que se me fan, e que me xeran un dano irreparable”, conclúe.

26 de marzo de 2014 | 21:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.