O espectáculo de mimo e clown ‘Xango’ chega ao Edificio Multiusos de Monforte
Este domingo día 16 de marzo, a compañía Talía Teatro achegará a Monforte o espectáculo “Xango”: a moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina.
O autor e director desta obra é Diego Rey, e os actores que a representan son Dani Trillo e Toño Casais.
“Xango” é un espectáculo de mimo e clown dirixido ó público infantil (7 a 12 anos), aínda que tampouco se afasta da realidade de moitos adultos.
“Xango” é a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de tódalas aventuras que viviu, e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar.
O público infantil sente unha especial atracción polo mundo das computadoras, tablets, móbiles e diversos aparellos electrónicos. Este espectáculo, ademáis de proporcionarnos diversión, faranos reflexionar sobre os usos e abusos do mundo cibernético.
A representación levarase a cabo no Edificio Multiusos, o domingo 16 de marzo ás 18:00 h.
O prezo da entrada xeral será de 5 €, mentres que para nenos, estudantes, desempregados e xubilados, a entrada custará 3 €.
O espectáculo está organizado pola delegación de Cultura do Concello de Monforte dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.











